DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto de excelencia estrea unha nova web dinámica e comunicativa

O Campus do Mar muda a súa faciana en Internet

Os interesados en participar no Premio Inova deben preinscribirse na páxina antes do 28 de xaneiro

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 20/12/2010
Interactiva e dinámica. Así é a nova páxina web do Campus do Mar que se estrea este luns ofrecendo unha nova faciana do Campus de Excelencia na internet. A través da mesma dirección, os usuarios poden atopar unha canle de comunicación efectiva que axuda a estreitar o contacto cos usuarios.

A web, trilingüe en galego, español e inglés, dá a coñecer a fondo o proxecto en todos os seus apartados e permite saber un pouco máis das institucións e empresas que están detrás do Campus do Mar e ir comprobando a súa evolución a través do tempo. Para Emilio Fernández, comisionado do Campus do Mar, a nova páxina representa “un cambio absolutamente definitivo xa que o lector pode atopar a información completa do proxecto, de modo que a cidadanía pode consultar o documento completo que enviamos a Madrid e que nos valeu o recoñecemento de Campus de Excelencia”.

Noticias, reportaxes, vídeos e dossieres de prensa conforma o groso da web, de xeito que se constrúe un lugar de consulta e información dinámico e interactivo que ofrece tamén unha conexión directa co perfil do campus nas diversas redes sociais como Facebook ou Twiter.

Na sección de descargas, os internautas poden acceder ás memorias completas do proxecto que se presentou ao xurado internacional que lle concedeu o recoñecemento de Campus de Excelencia, así como a imaxe corporativa e unha galería fotográfica. Deste xeito, a páxina está estruturada de forma que se poden consultar resumos sobre cada proxecto do Campus do Mar e, de necesitalo, tamén se pode descargar en pdf coa documentación completa, “ofrecendo dous niveis de navegación, un máis básico e rápido e outro en profundidade”.

Un escaparate ante a sociedade e o Ministerio

Trilingüe en galego, español e inglés, a nova web “é o noso portal ao exterior pero tamén unha plataforma a partir da cal vannos estar avaliando dende o Ministerio, comprobando que o proxecto non estea parado, que se estean facendo cousas, polo que a web é o noso escaparate”, subliña Fernández.

Ademais, a páxina conta cun acceso directo á televisión do Campus do Mar, que nas próximas semanas comezará a ter un intenso movemento que marcará o obxectivo de cara ao 2011. Segundo explica o comisionado, esta canle comezará a recoller entre outros, a lectura das teses de doutoramento que garden relación cos eidos de traballo do Campus do Mar e un ciclo de conferencias internacional que comezará no novo ano. Esta actividade reunirá a través de videoconferencia a algunhas das máis relevantes personalidades do mundo que achegarán os seus coñecementos sobre diversos temas a través de internet permitindo a participación a través dun chat de calquera dende calquera parte do mundo. O ciclo, cunha periodicidade mensual, alongarase durante todo o vindeiro ano.

Premio Marine Inova

A apertura da nova web do Campus do Mar coincide no tempo coa publicación das bases do Premio Marine Inova que ten como obxecto recoñecer os proxectos máis innovadores relacionados coas ciencias e tecnoloxías mariñas. Con este certame téntase tamén fomentar a I+D+i entre o estudantado, que deberá preinscribirse na web do Campus do Mar antes deste 28 de xaneiro, aínda que o prazo límite de presentación dos traballos é o vindeiro 12 de maio. Esta iniciativa responde ao convenio asinado entre a Universidade e as empresas no mes de outubro que, segundo o comisionado, “establece unha conexión directa co estudantado premiando unha vez máis a excelencia a través da innovación”.

O xurado valorará especialmente a orixinalidade, o desenvolvemento tecnolóxico, a eficiencia do deseño e sobre todo a innovación do proxecto, que debe estar focalizado cara aquelas tecnoloxías que teñan aplicación directa ao medio mariño, á exploración sostible dos seus recursos e á súa utilización segura para o home e respectuosa para a súa conservación.

No certame poden participar estudantes tanto de grao e posgrao como de doutoramento das universidades parceiras do Campus do Mar e concederanse tres premios, o primeiro de 3000 euros, o segundo de 2000 e o terceiro de 1000. Ademais, o galardoados con 1º e 2º premio poderán realizar prácticas nas empresas patrocinadoras do premio, Marine Instruments e Inova, Consultores en Excelencia e Innovación Estratégica, algo que Fernández valora moi positivamente de cara ao futuro do estudantado e que agarda se poida trasladar a novos certames que se están articulando ao abeiro do campus de excelencia.