DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estará composto por representantes das tres universidades, do CSIC e do Instituto Español de Oceanog

O Campus do Mar nomeará este mes ao seu Consello Reitor

Porto e Universidade asinan un convenio co que achegar o traballo do Campus de Excelencia ao tecido

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 16/03/2011

Establecer a folla de ruta e trazar o calendario de traballo para os seguintes meses. Ese será o cometido do Consello Reitor do Campus do Mar, que será nomeado a finais deste mes e que estará composto por representantes dos cinco impulsores do Campus de Excelencia: as tres universidades galegas, o CSIC e o Instituto Español de Oceanografía. Un nomeamento que porá en marcha toda a maquinaria do Campus do Mar, xa que na mesma sesión levaranse a debate na orde do día “moitos puntos sustanciosos”, nomearase ao staff e asignaránselle “traballos directos con prazos marcados”, presentarase a programación para 2011/2012 e “visibilizaremos todo o traballo que levamos meses facendo”. “O modelo de gobernanza que plantexamos é unha das cousas que máis valorou o tribunal internacional para darnos a Excelencia, xa que busca organizar de xeito eficiente a todos os actores que participan”, subliñou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo e encargado de presidir o Consello Reitor.

Este órgano de xestión será o encargado de tomar as decisións executivas principais e terá que rendirlle contas a un plenario que integrará a todos os socios adheridos ao Campus do Mar, como centros tecnolóxicos, clusters ou Porto de Vigo. Precisamente a Autoridade Portuaria é un dos actores principais “do desenvolvemento efectivo desta fábrica de solucións que é a agrupación estratéxica de I+D do Campus do Mar, no que xa hai 4000 investigadores”. Por iso, tras meses de traballo, Porto e Universidade de Vigo asinaron hoxe un convenio marco que sirva de paraugas para debuxar un panorama con actividades concretas, algunas encamiñadas á busca de financiamento. “O Porto é unha peza estratéxica á que o Campus do Mar debe dirixir moitos dos seus esforzos e debe facelo harmonizando, focalizando algúns temas en función da demanda e da necesidade do seu tecido empresarial”, recalcou Mato.

Sinerxias entre as empresas e a Universidade

Un acordo no que se irán introducindo accións a medida que o Consello Reitor vaia marcando obxectivos, pero que parte cunha ampla liña de traballo e cun ambicioso obxectivo: manter ao Campus do Mar e ao Porto como referentes en materia de investigación, innovación e sostibilidade. “O Porto vigués é un dos maiores centros loxísticos e empresariais de Europa e queremos seguir ese camiño da man da Universidade, establecendo unha canle de comunicación continua co sector portuario e buscando sinerxias e intereses comúns, que temos moitos”, ratificou Corina Porro, presidenta da Autoridade Portuaria, trala sinatura do convenio.

Segundo establece o acordo, os investigadores do Campus do Mar poden servir como órgano asesor en temática mariña tanto para o porto como para a súa fundación, ao mesmo tempo que terán nestas entidades cobixo para realizar proxectos de fin de mestrado ou prácticas a demanda das empresas e nelas organizaranse xornadas técnicas de divulgación, formación... Pero tamén colaborarán na presentación e procura de financiamento para proxectos de investigación con temáticas con interese para o porto e crearase un premio de investigación destinado a traballos de fin de carreira ou máster que terá como galardón prácticas remuneradas no Porto de Vigo para o desenvolvemento do proxecto escollido.

A través do Viveiro Virtual de Empresas do Campus porase en marcha un foro onde expor as necesidades recíprocas do tecido empresarial, mentres que co Campus Mar Life organizaranse visitas ao Porto de Vigo para todos os investigadores ou participantes no proxecto e tamén se planificarán actividades no marco da Escola Internacional de Posgrao e dos Campus de Verán. Como contrapartida, a Autoridade Portuaria integrarase no Campus Dixital do Mar, con igual acceso que o resto de membros a todos os servizos.

Comité de seguimento

Para que isto “non quede só en papel, só en ideas”, como recalcou Porro, porase en marcha un comité de seguimento do convenio composto por catro persoas que se reunirá de xeito cuadrimestral para comprobar que se conseguen os obxectivos marcados e que “se optimizan o máximo posible os contidos do acordo”. O convenio non vén máis que a ratificar a estreita colaboración entre dous entidades que xa tiñan asinado dous acordos de colaboración sempre pensando en achegar a Universidade ao tecido empresarial.