DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi o proxecto de Campus de Excelencia mellor valorado na convocatoria autonómica

O Campus do Mar obtén unha axuda de máis de dous millóns de euros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

Segundo o reitor “este recoñecemento reafirma a nosa liña de traballo”

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 16/12/2009

2.168.150 euros é o importe da axuda que recibirá o Campus do Mar con cargo á convocatoria autonómica de Campus de Excelencia na que a proposta da Universidade de Vigo foi a mellor valorada das presentadas polas tres institucións académicas galegas. “Para nós é unha moi boa noticia”, sinala o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, “xa que nos reafirma na liña de traballo que levamos con esta proposta que en 2010 queremos presentar á segunda convocatoria do Campus de Excelencia Internacional”.
Despois da Universidade de Vigo, Santiago co Campus Vida e A Coruña co Campus de Tecnoloxía Sostible, recibiron polos seus proxectos 2.134.000 e 1.970.500 euros, respectivamente, dun total de 6.200.000 euros aos que ascenden as axudas da Xunta de Galicia para o Campus de Excelencia 2009. “Énchenos de satisfacción ser os primeiros valorados do Sistema Universitario Galego”, afirma o reitor que salienta a “correcta estruturación da proposta” como clave para este recoñecemento. A proxección interuniversitaria, a ambición científica, a urxencia de mellora e modernización do campus ou o carácter estruturador e innovador da actuación para o territorio, son algúns dos elementos avaliados pola Consellería de Educación á hora de avaliar as propostas.
As axudas que terán carácter de préstamo cun tipo de xuro do 0% e reembolsables en 14 anos,incluídos dous de carencia, teñen o obxectivo de contribuír á modernización dos campus galegos a través da busca da excelencia docente e científica, a internacionalización do sistema universitario e a súa implicación no cambio de modelo económico baseado no coñecemento e a mellora da innovación.

Un proxecto de todo o SUG

O proxecto co que a Universidade de Vigo concorrerá á segunda convocatoria de Campus de Excelencia Internacional aspira a ser unha referencia nacional na investigación mariña. "Debe ser", segundo Alberto Gago, "un proxecto de toda a Universidade, de todo o territorio e de todos os axentes”. O reitor avoga por que a iniciativa represente a todo o SUG, incluíndo OPIs, centros e plataformas tecnolóxicas, organizacións, empresas e institucións. Dúas comisións traballan no proxecto: unha executiva que conta coa participación de membros do equipo de goberno da Universidade de Vigo e outra técnica formada por representantes dos catro agrupamentos de I+D e das direccións dos centros da Universidade. Comisións encargadas de definir o perfil do proxecto co que a institución académica concorrerá á segunda convocatoria de Campus de Excelencia Internacional, prevista para o segundo trimestre de 2010. “Queremos que sexa unha iniciativa institucional, que conte coa máxima participación e apoio posibles e, se pode ser, que quede fóra da discusión electoral”, conclúe o reitor.