DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dos 32 proxectos presentados o Ministerio de Educación seleccionou 13

O Campus de Mar pasa o primeiro corte para converterse en Campus de Excelencia Internacional

Salustiano Mato cualificou esta confirmación como “unha gran noticia para a Universidade de Vigo e p

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 08/07/2010
O soño está máis preto. O proxecto de Campus do Mar presentado pola Universidade de Vigo, xunto coas de Santiago de Compostela e A Coruña, á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional ten superado, segundo confirmou este mediodía o Ministerio de Educación e, posteriormente, o reitor, Salustiano Mato, a primeira fase desta convocatoria. “É unha gran noticia para a Universidade de Vigo, unha gran noticia para Galicia, o Campus do Mar está xa na final do Campus de Excelencia”, subliñou con gran satisfacción o reitor, que destacou a importancia de que o Campus do Mar sexa un dos 13 proxectos que superou esta primeira fase.

A proposta viguesa, que acadou a 8ª posición entre as 13 institucións que pasaron a primeira fase, foi seleccionada de entre un total de 32 proxectos procedentes de 13 comunidades autónomas que se presentaban por primeira vez nesta convocatoria, aos que hai que engadir 16 que xa se presentaran no 2009 e que agora solicitaban unha nova cualificación ou financiamento adicional. Finalmente foron 13 as que pasaron o corte, as que lle hai que engadir a Mondragon Universitatea que, ao tratarse dunha universidade privada, non ten posibilidade de recibir subvención.

Unha inxección de máis de 400.000 euros

Por superar a 1ª fase a Universidade recibirá unha subvención total de 123.333 euros aos que se engaden preto de 300.000 procedentes de diferentes modalidades do subprograma de fortalecemento.

En canto aos aspectos máis valorados no proxecto do Campus do Mar, o reitor destacou a quinta posición acadada no apartado referido a actuacións preparatorias de campus transfronteirizo, así como a 17ª acadada en Adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior. “O ministerio definiu o proxecto como unha proposta moi realista, de gran singularidade e cunha diversidade de axentes e apoios moi claros”, informou o reitor.

En canto ao resto de proxectos que superaron esta primeira fase Salustiano Mato informou que tamén pasaron as propostas lideradas polas universidades de Las Palmas e Murcia, ambas con temática mariña, “pero centradas en distintas áreas”, recalcou Mato, que lembrou o carácter máis militar da proposta murciana e máis oceánico de Las Palmas.

A gran final, en outubro

Unha vez superada esta primeira fase a Universidade de Vigo terá ata o mes de setembro para elaborar o proxecto definitivo o que implicará avanzar no orzamento final e afondar en como se vai desenvolver nas tres grandes áreas que contempla: a excelencia investigadora e transferencia, a excelencia docente e internacionalización e a mellora da calidade de vida e transformación do campus. “Quédannos por diante dous meses de intenso traballo”, subliñou o reitor, que adiantou que mañá venres terá xa unha primeira reunión de traballo co comisionado Emilio Fernández, para comezar a traballar naquelas cousas nas que pode haber “marxe de mellora”.

Unha vez presentado o proxecto definitivo será avaliado no mes de setembro por unha Comisión Internacional que en outubro fará pública a súa resolución final. Previamente celebrarase o 19 de outubro unha xornada pública de presentación na que participarán todos os proxectos seleccionados que optan á cualificación de Campus de Excelencia Internacional.

Verbas de agradecemento para Emilio Fernández e Alberto Gago

Antes de dar detalles da resolución do ministerio, Salustiano Mato desculpou a ausencia de Emilio Fernández, comisionado do Campus do Mar, ao que lle foi imposible acudir á comparecencia por atoparse en Porto impartindo un curso, “quero trasladarlle o meu agradecemento en nome da comunidade universitaria polo seu esforzo, implicación e compromiso”, destacou Mato.

O reitor lembrou tamén que o proxecto cobrou forma baixo a batuta de Alberto Gago, “a quen corresponde o mérito deste logro”, que foi posible, lembrou coas achegas de decenas de membros desta Universidade, así como ás outras dúas universidades galegas e ás do norte de Portugal, así como aos centros de investigación e plataformas tecnolóxicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, aos axentes económicos e sociais e ás institucións que participan do proxecto liderado pola Universidade de Vigo.