DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto vén de recibir unha subvención de 25.000 euros da FECYT

O Campus do Mar percorrerá as praias galegas cun espazo divulgativo sobre o medio mariño

Ao longo do mes de agosto achegarase aos areais un espazo itinerante de obradoiros, exposicións e ac

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 21/06/2011

No mes de agosto e nos areais galegos. Que mellor escenario para dar a coñecer o Campus do Mar a través dunha iniciativa divulgativa que pretende achegar ao público en xeral o eido mariño dende a visión dos científicos. O Campus do Mar na Praia achegará á costa galega o campus de excelencia e, dun xeito máis amplo, a ciencia, a economía e a tecnoloxía do mar.

A través dun posto itinerante de arredor de 200 m2 que se irá trasladando nas fins de semana do mes de agosto por algunhas das praias máis representativas de Galicia. Esta iniciativa, que vén de recibir unha subvención de 25.000 euros da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, creará un espazo divulgativo nos areais para todos os públicos, que ofrecerá obradoiros, exposicións e unha ampla variedade de actividades. A FECYT valorou moi positivamente a proposta da Universidade de Vigo pola súa implicación no fomento da cultura científica e por tentar unir este campo cun ocio litoral que non se limite a sol e praia.

A meta, un pasaporte científico

O espazo dividirase en cinco módulos co obxectivo de abranguer todas as áreas de coñecemento implicadas no Campus do Mar. O obxectivo, por unha banda, é inserir a ciencia e a divulgación no ocio estival e por outra dar a coñecer o traballo desenvolto pola comunidade investigadora, favorecendo o contacto entre a institución académica e a cidadanía.

Aqueles que se acheguen a este espazo divulgativo terán como meta acadar un 'pasaporte científico', de xeito que calquera cidadán se poida poñer no lugar dun investigador e contribuíndo a ampliar o coñecemento sobre os océanos e medio mariño. Este é un modo por outra banda de achegar o Campus do Mar á sociedade dende unha perspectiva lúdica e sinxela para que coñezan as vantaxes e potencialidades deste proxectos transfronteirizo no que participan máis de 3100 investigadores e tecnólogos procedentes de 23 institucións, con 1359 doutores que abarcan todos os ámbitos de coñecemento relacionados coas ciencias e as tecnoloxías mariñas.

Experiencia previa con moito éxito

En 2008 unha iniciativa similar, Efervesciencia na Praia, levou tamén polos areais galegos as ciencias do mar. O éxito desta actividade fíxoa merecedora do premio nacional de divulgación Ciencia en Acción en 2009.

En aquel especial verán científico tomaron parte as principais institucións galegas relacionadas coas ciencias do mar como o CETMAR, Divulgamar IIM-CSIC, Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e Augas de Galicia) coordinadas pola Asociación de Oceanógrafos de Galicia, e no que tamén colaborou a Radio Galega emitindo en directo os domingos dende cada unha das praias seleccionadas.