DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato explica o proxecto na sede do Instituto Cervantes na cidade belga

O Campus do Mar preséntase en Bruxelas como un motor de cambio social e económico

Con este acto péchanse dous días de intensa actividade en institucións europeas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 07/04/2011

“A Universidade de Vigo e o seu proxecto do Campus do Mar preséntanse como a universidade do mar de Europa, a locomotora que aspira a tirar do tren de todas as iniciativas comunitarias relacionadas co mar”. Deste xeito, Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, presentaba na sede do Instituto Cervantes en Bruxelas o Campus de Execelencia Internacional. Con este acto péchase ademais a visita da delegación da Universidade de Vigo á capital belga co gallo de presentar oficialmente nas institucións europeas o seu proxecto estrela. Dous días de intenso traballo que remataron destacando a capacidade de transformación social e económica que ten o Campus do Mar para Galicia.

A conferencia na sede do Instituto Cervantes contou coa participación de Ernesto Penas, director xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da UE, e de María González, directora do Instituto Cervantes en Bruxelas. "Estamos ante o maior exemplo de innovación dos campus de excelencia, un proxecto que agardamos ver medrar" sinalou María González na súa presentación. Un sentimento compartido por Ernesto Penas, que destacou que o Campus do Mar é "un motivo de ilusión porque racha co minifundio e aposta por un proxecto que é vangarda da investigación e a innovación europea". No acto estiveron acompañados por numerosas autoridades, como José Manuel Silva, director xeral de Agricultura da UE, da embaixadora de España en Bélxica, Silvia Irazo, e do embaixador de Portugal en Bélxica, Vasco Bramao.

A presentación realizouse coincidindo coa exposición do proxecto Neuston, un experimento transdisciplinar no que quince artistas plásticos e literatos traballaron con quince científicos do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) para transformar o coñecemento sobre o mar en arte. Con este trasfondo, e por ser un acto público aberto a todos os interesados, a presentación do Campus do Mar centrouse en amosar, ademais das súas características esenciais, o seu aspecto máis social. Neste senso Mato apuntou que con este proxecto “a Universidade de Vigo quere desenvolver plenamente a súa misión de ser un elemento de desenvolvemento social e económico do país, un motor proactivo del, e para conseguilo conta cunha gran base social de apoio”. Así fixo fincapé en que o Campus do Mar, ademais de nacer cun carácter multidisciplinar e transnacional, ao estar implicadas institucións españolas e portuguesas, conta co apoio dun amplísimo abano de institucións e entidades ás que quixo recoñecer a súa colaboración.

“Somos un dos proxectos máis específicos e máis sectoriais dos que acadaron a cualificación de Campus de Excelencia e sen embargo somos un dos máis prometedores e dos que máis futuro temos” salientou o reitor. Un futuro prometedor e transformador para a contorna, un Campus que se converterá “nunha fábrica de solucións, de respostas, que romperá barreiras e que como o mar, será aberto e amplo”. Un gran proxecto, no que Vigo, destacou, “como capital mundial da pesca será o epicentro.”

Abrindo vías de internacionalización

A presentación na sede do Instituto Cervantes pechou un día de reunións no que o reitor vigués estivo con Antonio García, da Dirección Xeral de Política Rexional da UE, con Pablo Amor e José Manuel Labastida, do programa ERCEA e con Milagros Candela, conselleira coordinadora de Ciencia e Innovación da representación permanente de España ante a Unión Europea. Segundo salienta o reitor, na reunión con Antonio García estiveron “analizando as posibles ferramentas que pode empregar Galicia para absorver máis fondos europeos” e na reunión cos representantes de ERCEA afondaron en como “incrementar a participación dos mellores investigadores da nosa Universidade neste programa e como atraer aos programas estratéxicos da Universidade de Vigo investigadores de excelencia doutros centros”. Polo que respecta ao encontro con Milagros Candela, o seu obxectivo foi establecer contacto para ir coñecendo as liñas do futuro VIII Programa Marco.

Ademais destas reunión, Manuel Fernández, vicerreitor de Relacións Internacionais, e Regina Carreira, vicexerente de Internacionalización, cumpriron unha apretada axenda de reunións para avanzar na internacionalización tanto do Campus do Mar como da Universidade de Vigo no seu conxunto. Dimitri Corpakis, responsable da unidade Regional Dimension of Innovation, felicitou á Universidade polo proxecto do Campus do Mar, especialmente polo seu carácter especializado, e amosou o seu interese en empregar o Campus de Excelencia vigués como un exemplo de boas prácticas neste ámbito.

Fernández e Carreira tamén aproveitaron a visita a Bruxelas para reunirse con Theo Notteboom, presidente do ITMMA, Instituto de Transporte e Xestión Marítima de Amberes, e Piet Van Hove, vicerreitor de Relacións Internacionais da Universidade de Amberes, para analizar posibles vías de colaboración en xestión de transporte marítimo, en estudos de posgrao e en clústers.

O tema da mobilidade foi un dos eixes centrais da reunión con Leonor Moral, conselleira de Educación da Embaixada de España no Benelux, con quen abordaron as posibilidades de colaboración con entidades educativas desta zona e a posibilidades de dobres titulacións. Por último, tamén se celebrou unha reunión con Julio Chaves, coordinador do programa Euranet, unha iniciativa do Parlamento Europeo para conectar as radios universitarias e no que dun modo inminente a Universidade de Vigo pasará a participar.