DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Forum do Mar, feira especializada para profesionais dos sectores relacionados

O Campus do Mar preséntase en sociedade en Oporto

Mantivéronse reunións con institucións de países como Marrocos, Eslovenia, Cabo Verde, Irlanda ou Lu

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Duvi DUVI 20/06/2011

No camiño de aumentar a visibilización e estreitar lazos cos parceiros do outro lado do río Miño, o Campus do Mar presentouse estes días en sociedade en Portugal no marco do Forum do Mar. Trátase dun evento organizado por Océano XXI-Cluster do Conhecimento e da Economia do Mar, un aliado estratéxico do Campus do Mar no país veciño, que se celebrou en EXPONOR entre o 16 e o 19 de xuño. Alí déronse cita profesionais dos diferentes sectores que integran a economía do mar, a comunidade científica e a sociedade en xeral para contribuír no desenvolvemento da economía do mar e para a sensibilización do público nos beneficios que se poden obter a partir da exploración sostible do recurso Mar.

Cun posto propio nesta feira, o Campus do Mar deuse a coñecer no país luso informando a todos os visitantes sobre o proxecto, os seus obxectivos e a súa potencialidade como agrupación transfronteiriza de docencia, investigación e transferencia - varias das universidades implicadas neste proxecto de excelencia son as lusas de Aveiro, Minho, Açores, Porto e a de Trás-os-Montes e Alto Douro. Ademais, aproveitando o encontro, mantivéronse reunións con representantes de empresas, clusters e outras institucións chegadas desde países como Marrocos, Eslovenia, Cabo Verde, Irlanda, Luxemburgo, ou Mozambique, co obxectivo de establecer novos contactos que amplien a rede do Campus do Mar e estudar posibles colaboracións en proxectos de toda índole.

O mar como reclamo

Foi precisamente unha mostra da riqueza e diversidade do mar condensada nos litros de auga dun acuario o que espertou máis interese entre os asistentes ao Forum do Mar. Montado polos técnicos da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, o acuario componse de xuvenís de sargos, misidáceos, camaróns e gobios así como vieiras, mexilóns, anémonas e todo tipo de flora e fauna mariña que atopamos nas costas galegas.

O sábado ás 15.00 horas tivo lugar unha presentación do Campus do Mar a todos os visitantes do Fórum dentro do espazo 'Viver o Cluster'.