DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aglutinará as universidades galegas e do Norte de Portugal

O Campus do Mar promove a primeira escola de posgrao en formación mariña de España

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 05/03/2010

“Un lugar no que calquera persoa poderá estudar o que queira relacionado co mar ao máis alto nivel mundial”, así define o comisionado Emilio Fernández a Escola de Posgrao que promove a Universidade de Vigo, a primeira destas características a nivel estatal, ao abeiro do proxecto do Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar. O principal obxectivo é conseguir un foco de referencia, a nivel nacional e internacional, para a formación de posgrao en todos os ámbitos de coñecemento relacionados co mar.
Concibido desde o seu nacemento coma un centro internacional, unha das funcións principais que terá a escola será “incorporar e atraer estudantes brillantes de fóra do noso territorio e que convivan cos nosos”, salienta Fernández. As principais estratexias para atraer estes cerebros basearanse en ofrecer unha oferta docente de excelencia que se traducirá en titulacións conxuntas entre as seis universidades que van formar parte da escola: Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Minho, Oporto e Aveiro.

Un proxecto conxunto de universidades, centros tecnolóxicos e empresas

Ademais, na escola incorporaranse tamén os centros de investigación non universitarios e as principais empresas do sector, “polo que a unión de todas esas pezas debería xerar uns programas enormemente atractivos e de altísima calidade”, subliña o comisionado, ao tempo que explica que, a falta de concretar números entre as seis universidades participantes, “o que si podemos afirmar é que falamos dun proxecto onde nos movemos na escala dos centos e non das ducias de mestres implicados”.
A conxunción no proxecto de todos estes socios será un dos principais atractivos do centro, xa que é precisamente esta unión, segundo apunta o comisionado, a que lle dará a capacidade de impartir cursos e programas de elevado nivel en todos os ámbitos do mar, tanto no científico coma no tecnolóxico e no económico. “Ao xuntar tal masa crítica de profesores, investigadores e empresas a calidade deses cursos será moitísimo maior dos que nazan dunha única universidade”, apunta Fernández, quen tamén engade que “ao ser titulacións compartidas son titulados polas seis universidades e non por unha soa”.

Obxectivos a curto prazo

A curto prazo o principal obxectivo é brindarlle aos estudantes unha formación completa, con énfase tanto na busca de resultados científicos relevantes como na adquisición de habilidades tranversais (idiomas, estatísticas, formulación de patentes...) que melloren as perspectivas de éxito profesional dentro e fóra do ámbito académico. “Refírome a que máis alá do tema mar os nosos estudantes deben ser absolutamente capaces de expresarse en inglés”, exemplifica Fernández, ao respecto das habilidades transversais.
Trátase de asegurar que os estudantes se convertan en profesionais independentes capaces de realizar contribucións nos diversos ámbitos relacionados co medio mariño, unha vez incorporados tanto ao sistema público como ás empresas do sector.

“Perseguir a excelencia antes que a cantidade”

A escola será tamén un lugar común de encontro onde, ademais de facilitárselles os aspectos administrativos e loxísticos aos estudantes, se xeren diferentes actividades como escolas de verán e congresos internos entre os propios investigadores, “pois é fundamental que se coñezan entre eles, porque deste coñecemento mutuo xorden á súa vez novas liñas de investigación”, engadiu o comisionado, quen tamén explicou que se debe asegurar a realización de todas as teses de doutoramento nun prazo razonable e cun grado alto de calidade contrastable “falo de perseguir a excelencia antes que a cantidade”.
Coa posta en marcha do proxecto porase fin ás actuais debilidades da formación de posgrao, sobre todo no caso dos posgraos e mestrados en ciencias e tecnoloxías mariñas, entre elas a reducida visibilidade destes estudos a nivel nacional e internacional e á escasa presenza de estudantes estranxeiros, a falta de comunicación entre estudantes que traballan en liñas de traballo relacionadas ou complementarias ou a excesiva duración das teses de doutoramento.