DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Emilio Fernández, comisionado do Campus do Mar, impartiu un relatorio en Ciencias da Educación e do

O Campus do Mar, un “proxecto aberto” para todos os eidos do saber

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 22/02/2011

Porque o Campus do Mar abrangue a todos os eidos do saber desta Universidade. Este é o motivo polo que a Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte acolleu a conferencia Campus do Mar: un proxecto para construír o futuro a partir dos océanos, impartida por Emilio Fernández, comisionado do Campus do Mar. Encontro organizado pola profesora María Álvarez, quixo resaltar a oportunidade que supón para o alumnado “que un dos principais responsables do proxecto veña expor e abrirnos as súas posibilidades, máis aló da información institucional da que dispomos”.

Desde un principio Emilio Fernández quixo resaltar que este campus de excelencia é un camiño aberto para todas as titulacións, “máis aló do científico-tecnolóxico, pois en calquera traballo seguro que vos ides atopar algo que teña que ver co mar, e sobre todo en educación”, engadiu. Quixo afondar neste carácter multidisciplinar subliñando a relevancia da nova incorporación ao Campus de Mar, a dun grupo de investigación de Belas Artes “xa que estamos ante un proxecto aberto que quere incorporar novas achegas, independentemente da disciplina”, subliñou o conferenciante.

Por que estudar o mar?

Para que os presentes entenderan a súa esencia, a súa razón de ser, Fernández quixo responder coa súa conferencia á pregunta por que estudar o mar. Por dúas razóns, por unha banda pola dispoñibilidade dun grande armazón natural, económico, social e investigador que “nos pode converter na agregación máis importante en temas mariños de Europa” e por outra, pola necesidade de avanzar no seu estudo debido “á importancia que ten no desenvolvemento da contorna e das especies”. Así, a existencia de máis de 1500 quilómetros de costa, cun sector industrial “que bebe do mar” e cun soporte investigador abalado por máis de tres mil investigadores e 270 millóns de euros en contratos de I+D fixo que “a Universidade quixera abandeirar este proxecto conxunto no que podemos ser fortes e referentes a nivel europeo”, apuntou o conferenciante.

Por outra banda afondou na importancia de estudar o mar a través da formulación de varios casos curiosos, como a xustificación de que as augas galegas sexan tan frías no período estival. Debido ao vento do norte e ao movemento de rotación da terra, as augas superficiais van cara o océano aberto, polo que “a auga que marcha compénsase coa procedente do fondo que é moi fría, pero tamén moi rica en nutrientes, o que ocasiona que as nosas costas proporcionen moito alimento e poidan desenvolverse as especies”, explicou Fernández. Mais engadiu que, como consecuencia do aumento da emisión de gases efecto invernadoiro “este proceso funciona con menor intensidade o que ocasiona que as costas sexan cada vez menos produtivas”. Así mesmo, o quentamento global ocasiona que a temperatura das augas galegas estea en aumento progresivo o que se traduce “en cambios importantes no ecosistema, aparecendo especies máis tropicais nas lonxas e que as capturas de peixes máis fríos vaian en diminución”.

Tamén fixo un percorrido por cuestións máis estruturais e organizativas do campus de excelencia. Así compartiu cos presentes os tres eixes arredor dos que xira o proxecto, a transferencia de excelencia investigadora, a excelencia docente e a mellora da vida, facendo especial fincapé na internacionalización de alumnado. O seu policentrismo, “sen edificacións innecesarias, conectando e aproveitando todo o dispoñible, como os terreos da ETEA” e o alto grao de complexidade da gobernanza, con máis de tres mil persoas de 24 institucións distintas, foron temas centrais do relatorio.