DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CEP e Universidades asinaron un convenio este venres

O Campus do Mar recibe o apoio dos empresarios pontevedreses

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Sara Alcázar DUVI 26/03/2010

Os empresarios da provincia de Pontevedra súmanse ao proxecto do Campus do Mar co que a Universidade de Vigo concorrerá á vindeira convocatoria de Campus de Excelencia Internacional do Ministerio de Educación. Coa nova adhesión da clase empresarial, que se fixo oficial este venres na sede da CEP en Vigo, 42.000 entidades da provincia, respaldan o Campus do Mar que, segundo expresou o director da CEP, José Manuel Fernández Alvariño, “trátase dun proxecto integrador deseñado para a súa permanencia”. Ademais, Alvariño gabou o “esforzo persoal de convencemento” levado a cabo polo reitor da Universidade, Alberto Gago, para levar a práctica “esta magnífica idea que se afasta dos localismos, polo que beneficia a Galicia na súa proxección internacional, asumindo as características propias da comunidade”.
Pola súa banda, Gago salientou a importancia da adhesión do tecido empresarial pontevedrés ao Campus do Mar, “posto que engrosa a implicación social e o agrupamento sectorial vinculado ao mar do proxecto, un dos criterios de avaliación que o Ministerio de Educación máis valora á hora de adxudicar o selo de Excelencia Internacional”.

Impacto transfronteirizo grazas ao apoio da Eurorrexión

Durante a súa intervención, o presidente da CEP fixo fincapé na proxección internacional que o proxecto do Campus do Mar achega a Galicia e á Eurorrexión, salientando de novo o esforzo realizado por Gago, que “soubo namorar á Eurorrexión” á hora de solicitar apoios en Portugal. Nesta mesma liña, o reitor destacou a implicación da Eurorrexión no proxecto, facendo referencia á adhesión das universidades de Porto, Minho, Aveiro e, a máis recente, a Universidade de Tras os Montes e Alto Douro (UTAD). Sen embargo, segundo comentou Gago, “aínda faltan xestións embrionarias coa rexión centro”, encamiñadas a acadar o apoio de concellos importantes da zona, “particularmente o de Porto”, engadiu o reitor. Ademais, o respaldo das institucións portuguesas ao Campus do Mar xoga un papel moi significativo posto que, tal e como manifestou o reitor, “a envergadura do impacto trasnfronteirizo que lle proporciona ao proxecto é outro dos capítulos que o Ministerio vai ter en conta no concurso”.