DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun convenio de colaboración asinado este luns na sede do porto vigués

O Campus do Mar suma o apoio da Autoridade Portuaria de Vigo

Ambas entidades colaborarán tamén na Fundación Porto de Vigo, así como en temas de mestrados e práct

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Sara Alcázar DUVI 19/04/2010

O proxecto do Campus do Mar recibiu este luns o apoio da Autoridade Portuaria de Vigo, o segundo porto en sumarse á iniciativa da Universidade despois de facelo o de Vilagarcía e ao que seguirán o resto de entidades portuarias de Galicia, segundo apuntou o reitor da Universidade, Alberto Gago. O respaldo da Autoridade Portuaria de Vigo fíxose oficial na sede do porto vigués coa sinatura dun convenio de colaboración entre ambas entidades, “que concreta o apoio institucional do porto ao proxecto do Campus do Mar para concursar ante do Ministerio de Educación e conseguir así o financiamento adicional” indicou Gago.
Aproveitando a reunión entre ambas entidades, a presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo, Corina Porro, convidou ao reitor da Universidade a formar parte da Fundación Porto de Vigo, “que será clave en temas de I+D+i e na formación específica para os propios usuarios do porto, constituíndo unha aposta decidida para todas as empresas do sector que son o motor da economía galega e, concretamente, de Vigo e a súa área metropolitana” argumentou Porro.
Pola súa banda, o reitor amosouse favorable á proposta de Porro e subliñou que “a adhesión da Universidade nesta fundación implica que haxa moitas vías abertas para, en concurrencia e con bos proxectos, conseguir financiamento. Polo tanto, a participación da Universidade na Fundación Porto de Vigo non se dubida e estaremos aí para realizar calquera tipo de iniciativa e concursar, dende logo”.
Durante a súa intervención, Porro fixo fincapé na importancia que a Fundación Porto de Vigo ten para a cidade, “por tratarse dunha iniciativa que trae consigo novas expectativas”. Ademais, a presidenta da Autoridade Portuaria manifestou que a fundación canalizará un tipo de axudas coas que "poderemos estar en programas europeos e traballar e ofrecer aos usuarios do porto, á economía de Vigo e ás empresas da cidade novas perspectivas de formación e investigación”.

Colaboración nos mestrados e as prácticas preprofesionais

No convenio asinado este luns tamén se reflicte a colaboración entre ambas entidades para regular os mestrados universitarios e as prácticas de desenvolvemento sostible de posgrao, así como as prácticas preprofesionais para estudantes de grao e posgrao , o que, en palabras da presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo, Corina Porro, “supón unha excelente oportunidade para participar en múltiples proxectos de investigación, estudos e formación”.
Pola súa banda, Gago subliñou a importancia de contar co apoio da Autoridade Portuaria de Vigo nos proxectos de formación e I+D da Universidade, “posto que un dos retos da reforma universitaria en España é conseguir a maior adaptación posible dos estudos universitarios ao mercado laboral, e isto é posible grazas á implicación de entidades importantes como o porto de Vigo, que colaboran cos nosos estudantes de posgrao prestándose a realizar prácticas preprofesionais” apuntou o reitor. “O obxectivo é que non haxa un estudante, polo menos de posgrao, que non teña unha práctica preprofesional en condicións” engadiu.