DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O presidente do servizo autónomo do Goberno luso expresou o seu interese pola proposta

Campus do Mar suma un novo apoio en Portugal coa adhesión da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte

Alberto Gago foi recibido en Porto por Carlos Cardoso

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 15/03/2010
Constituída por 86 municipios do Norte de Portugal, aComissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-N), é un servizo autónomo do Goberno central e máis concretamente do Ministerio do Ambiente e do Ordenamento do Territorio, encargado da coordinación e promoción na rexión Norte de Portugal das políticas gobernamentais de planificación rexional, medio ambiente, xestión do territorio e cooperación transfronteiriza. Con máis de 40 anos de existencia a CCDR-N vén de se converter na cuarta institución portuguesa, despois das universidades de Porto, Minho e Aveiro, en manifestar o seu respaldo ao proxecto de Campus do Mar. “Trátase dun proxecto cuns obxectivos moi interesantes”, manifestou o presidente da Comisión Carlos Cardoso Lage no transcurso da visita que á sede da Comisión en Porto realizaron o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago e o comisionado para o Campus do Mar, Emilio Fernández. Cardoso destacou a importancia que para o organismo que preside ten a relación con Galicia, “coa que a colaboración para nós é prioritaria”, unha idea compartida polo reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago que agradeceu o apoio do CCDR-N “que nos permite seguir reforzando o proxecto co que concorreremos á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional do Ministerio de Educación”. Gago destacou tamén que tralo apoio manifestado pola Xunta de Galicia ao proxecto, a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte era o seguinte obxectivo pola súa relevancia na rexión Norte de Portugal. E é que o carácter transfronteirizo do proxecto “é unha liña que na convocatoria do proxecto aparece diferenciada”, lembrou Gago “e nós consideramos un elemento importante e diferenciador”.

A posibilidade dunha implicación maior a estudo

Xunto ao presidente da CCDR-N no encontro celebrado este luns na sede da Comisión en Porto, participaron representantes do Porto de Leixoes, do Cluster do Mar e da Axencia de Cooperación Transfronteriza que tamén tiveron ocasión de coñecer os detalles do proxecto que xa conta co apoio das universidades lusas de Minho, Aveiro e Porto. Sen embargo, segundo se avanzou na reunión de hoxe, a implicación do país veciño no proxecto de Campus do Mar podería acadar unha dimensión maior para o cal o presidente do CCDR-N comprometeuse a “explorar a posibilidade de que as rexións Norte e Centro participen nun proxecto de maior envergadura” que implique a outras institucións e organismos do país veciño e ao propio Goberno portugués. “Se a participación lusa acada unha maior dimensión”, asegura Gago, “sería benvido, aínda que para nós é suficiente coa resposta acadada ata o de agora tanto por parte da CCDR-N como das universidades”. O reitor da Universidade de Vigo lembra que esta liña de traballo conxunto para reforzar a investigación en ciencias e tecnoloxías mariñas entre institucións académicas dun e doutro lado da fronteira se remonta a hai anos, “unha cooperación”, lembra o reitor “que tamén se puxo de manifesto entre a Xunta de Galicia e o Goberno luso para a posta en funcionamento do Centro de Nanotecnoloxía de Braga”.

Obxectivos e atribucións da CCDR-N

Servizo periférico da administración central lusa, a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-N), é unha institución pública dotada de autonomía administrativa e financeira encargada do desenvolvemento integrado e sustentable do Norte de Portugal. Entre as principais atribucións da CCDR-N están o planeamento estratéxico e o desenvolvemento rexional; o ordenamento de territorio e cidades; o medio ambiente e a conservación da natureza; a xestión de fondos comunitarios, así como o apoio aos entes locais e as súas asociacións. A Comisión ten un órgano consultivo, o Conselho Regional, integrado polos 86 presidentes de cámaras municipais (concellos) da Rexión Norte e unha decena de organizacións sociais, económicas, ambientais e científicas representativas do tecido industrial da rexión.