DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En colaboración co Observatorio do Litoral e a Universidade da Coruña

Campus do Mar “toca terra” coa presentación dunha obra sobre ordenación xurídica do medio mariño

Unha nova utilidade da web dá acceso a un amplo catálogo de lexislación relacionada co dereito ambie

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 16/11/2012
Analizar as implicacións da reforma da Lei de Costas. Este foi o obxectivo co que esta mañá se reuniron na Coruña diferentes expertos en ordenación do litoral nunha xornada organizada por Campus do Mar en colaboración co Observatorio do Litoral e a Universidade da Coruña. Baixo o título Novedades lexislativas na ordenación do medio mariño e costeiro a xornada iniciouse coa presentación da obra colectiva La ordenación jurídica del Medio Marino en España, un volume dirixido polo catedrático da Universidade da Coruña Javier Sanz Larruaga e coordinado por Asensio Navarro Ortega, no que se recollen toda unha serie de estudos sobre a Lei 41/2010 de protección do medio mariño.

A presentación da obra contou coa participación do director do Campus do Mar, Emilio Fernández, que fixo fincapé en que Campus do Mar, “un proxecto de todos, un campus galego-portugués” fai unha forte aposta polo ámbito xurídico-social e a economía, o que lle permite ao proxecto “tocar terra”. Ao tempo, Fernández aproveitou a súa intervención para afirmar que “traballando xuntos somos extraordinariamente fortes”, destacando a necesidade do traballo en equipo de investigadores, non só de diferentes institucións, senón tamén de diferentes disciplinas académicas.

Aproveitando a tecnoloxía de Campus do Mar, esta tarde, ás 16.30 horas, poderá seguirse en directo a través da webTV de Campus do Mar o relatorio A reforma da lei de costas: un xiro cara o dominio privado marítimo- terrestre que impartirá o catedrático da Universidade Autónoma de Madrid, Ángel Menéndez Rexach, prologuista da obra presentada.

Observatorio do litoral

No marco desta presentación deuse a coñecer unha nova utilidade da web do Campus do Mar, un novo apartado no que se pon a disposición dos usuarios un amplo catálogo de lexislación, normativa e xurisprudencia relacionados co dereito ambiental, a seguridade marítima e a ordenación do litoral.

Accedendo a http://observatoriodellitoral.campusdomar.es os internautas poderán consultar unha ampla base de arquivos de carácter xurídico e normativo, recompilados desde o Observatorio do Litoral no que pretende ser un lugar de reflexión, que favoreza a transferencia de coñecementos e fomente o estudo do dereito do litoral entre quen comparte as mesmas inquietudes que os membros que integran o observatorio.