DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Plantouse unha cerdeira como símbolo do compromiso cos dereitos dos cativos

O campus mobilízase con motivo da celebración do Día Universal da Infancia

As actividades sucedéronse en varios centros

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Camino Carballeira DUVI 20/11/2008

O 20 de novembro é, ou debería ser, un día sinalado en vermello nos calendarios pola súa significación como aniversario da Convención de Dereitos dos Nenos. Un día diferente, tal e como foi no campus de Pontevedra. A mañá comezou coa proxección nas pantallas de todas as facultades dun DVD que narraba, a ritmo da música de Pat Metheny, os dereitos dos nenos elaborado polo profesor Jorge Soto, coordinador do plan de actividades desenvolvidas con motivo do Día Universal da Infancia. Tamén desde primeira hora da mañá habilitouse un espazo na Biblioteca de Ciencias Sociais e da Comunicación con libros e material audiovisual sobre as distintas realidades dos cativos no mundo. Grazas ao labor do persoal da biblioteca, esa selección de filmes está tamén dispoñible nunha web creada para a ocasión. Ademais, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte adornouse cos carteis elaborados ao longo da semana polos alumnos, ilustrando cada un dos puntos recollidos na Convención dos Dereitos dos Nenos, vixente desde hai 19 anos e asinada por 190 paises.
Pola súa banda a aula magna da Escola Universitaria de Fisioterapia quedouse pequena para acoller a todo o estudantado que acudiu á proxección do documental SOS Níger, protagonizado polos actores Imanol Arias e Ana Duato como embaixadores de Unicef. O documental, tal e como comentou Soto na súa presentación, serviu para recordar “que nós, os que vivimos en Occidente, somos anormais, porque no resto do mundo sófrese fame, e os problemas de saúde e violación dos dereitos máis elementais están xeneralizados”.

O acto máis simbólico

Máis aló da proxección de filmes e exposición de carteis decidiuse realizar algún xesto que deixe pegada da celebración deste día no campus e por iso, plantouse unha cerdeira fronte á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. O vicerreitor do campus, Jesús Hernández e o decano da facultade, José María Cancela, foron os encargados de coller as pas para arraigar a árbore.Trala plantación o vicerreitor deu a lectura a un manifesto a favor “do dereito da infancia a comportarse como tal, como nenos, á educación, e espallar a súa alegría, curiosidade e espontaneidade”. No texto feito público tamén se condena “a manipulación interesada da infancia” e deféndese a Universidade como “unha institución empeñada en crear coñecemento, como unha ferramenta para que as violacións dos dereitos dos nenos non poida ser practicadas”.
As actividades programadas este ano xurdiron por iniciativa de Jorge Soto, que pouco a pouco, foi involucrando á Vicerreitoría, alumnos, persoal das facultades... para o ano que vén, o vicerreitor manifestou o seu compromiso de elaborar unha programación máis ampla para festexar este día.