DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Servizo de Deportes fai balance da súa programación durante o curso 2012/2013

Un campus moi en forma

Máis de 600 persoas empregaron as tarxetas universitarias para acceder a instalacións e actividades

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 11/07/2013

Escolas deportivas, rutas culturais, fisioterapia, ligas universitarias, obradoiros, competicións federadas, formación, eventos e moito máis. O Servizo de Deportes desenvolveu ao longo do curso 2012/2013 unha intensa actividade nos seus diferentes eidos de traballo. Mentres se poñe a punto as instalacións e a programación para retomar en setembro a actividade, o departamento fai un balance moi positivo das accións realizadas durante estes meses e sobre todo da resposta da comunidade universitaria e da cidadanía.

Segundo explica Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes ourensán, un total de 510 persoas empregaron este curso a tarxeta deportiva universitaria básica, once a comunitaria e 93 a tarxeta de Ponte en forma, do programa de atención deportiva individualizada. 541 persoas participaron ademais nas escolas deportivas, destinadas cada cuadrimestre a iniciar aos participantes en diferentes modalidades de exercicio. Entre as 29 posibilidades ofertadas, as que tiveron máis éxito de participantes foron as de tenis, pilates, power dumbell, ciclo indoor e boot camp, sendo maioritaria a participación de mulleres, que duplican aos homes neste tipo de iniciativas.

Ademais, 193 persoas apuntáronse ao exercicio físico personalizado, 176 realizaron consultas médicas, 188 foron atendidas polo servizo de fisioterapia e fixéronse 182 cuestionarios de screening cardiovascular, para valorar a saúde dos participantes que realizan ou van realizar algún tipo de actividade física. Tamén no eido da iniciación ao deporte e o lecer, as once rutas culturais celebradas este curso, que levaron aos inscritos por toda a xeografía galega e incluso o Norte de Portugal, contaron con 541 participacións procedentes do campus de Ourense.

Organizando e acollendo competicións

As competicións, internas ou profesionais, foron outra das grandes áreas de traballo deste servizo. No eido interno celebráronse as ligas universitarias, que contaron con 32 equipos de fútbol sala, fútbol 7 e baloncesto e case 300 inscritos; a Copa Fair Play e un campionato de squash. Polo que se refire ás seccións federadas, os resultados en rugby, baloncesto, tenis e xadrez foron satisfactorios para os equipos universitarios. En total, o campus contou con 210 licencias federativas, destacando as 110 da modalidade de rugby. Entre os postos obtidos por estes equipos nas súas repectivas ligas destacan o segundo posto acadado polas xogadoras de rugby; o terceiro das xogadoras de baloncesto, que quedaron ás portas de gañar, e os primeiros postos do primeiro equipo de xadrez e do equipo absoluto masculino de 2ªB de tenis.

Polas características das súas instalacións e por ser un referente na cidade no eido deportivo, o campus tamén organizou diferentes eventos, como I Carreira Orientación Urbana-Solidaria, e colaborou e acolleu outros moitos, como o Campionato Galego de 10.000 metros Campus de Ourense; a 5ª Xornada XXX Copa Deputación de Atletismo; o Gran Premio de Atletismo Festas de Ourense; o I Encontro Europeo de Xogos Tradicionais LUDARIA; a Criterium Ciclista Os catro días de Ourense, e os campus de Amencer, Auria e Campus Camp, ademais do Ciclo Indoor AQA.

Por último, ademais de xestionar o uso das instalacións e de organizar as competicións, o Servizo de Deportes ourensán tamén realizou este ano diversas accións destinadas á divulgación da práctica deportiva e á formación neste eido. Deste xeito, o departamento é parte moi activa do proxecto de fomento da vida saudable Campus ConVida, onde desenvolveron diferentes accións, como os Martes ConVida, para concienciar á comunidade universitaria e aos cidadáns en xeral da importancia de coidar o seu estilo de vida, fomentando por exemplo a exercicio físico.