DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores presentáronse as catro aulas de teatro universitario do curso 2012/2013

Un campus moi 'teatreiro'

Rosaura, Cordelia, Maricastaña e Gepetto repetirán a súa participación nos festivais Moti e Miteu

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 11/10/2012

Na cidade de Ourense o teatro é o rei da actividade cultural e como reflexo desta situación no campus de Ourense as artes escénicas tamén teñen un protagonismo moi especial. As súas catro aulas de teatro universitario botaron este mércores a andar e fixéronno apostando un curso máis pola formación como instrumento que proporcione calidade aos actores participantes e ás pezas que representen. Baixo os nomes de Rosaura, Cordelia, Maricastaña e Gepetto, as persoas que se inscriban nestes grupos terán tamén o privilexio de participar nas citas de referencia teatral da cidade, como son a Miteu e a Moti.

“As aulas de teatro dannos cada edición moitas satisfaccións. O primeiro nivel, Rosaura, consegue cubrir as súas prazas, o que nos dá forza para renovarnos cada ano, e os seguintes niveis, Cordelia e Maricastaña, conseguen que a xente repita e continúe formándose aquí no campus”, destaca Fernando Dacosta, coordinador das aulas. Para participar en calquera dos grupos ou aulas dispoñibles, as persoas interesadas aínda están a tempo de facelo realizando a matrícula no obradoiro de extensión cultural correspondente.

Tres niveis máis un

As persoas que por primeira vez se achegan á formación escénica teñen á súa disposición a aula de iniciación Rosaura. Con Sabela Gago e Flor Figueiras como docentes, o obxectivo deste obradoiro é a formación dun primeiro grupo e o traballo nel de conceptos básicos do tempo e dos espazos teatrais. Como premio e recoñecemento ao esforzo realizado, os membros da aula serán os encargados de representar a peza de teatro de rúa que dará comezo no mes de abril á Miteu, a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense.

O seguinte nivel, no que poden participar aquelas persoas que anteriormente estiveron en Rosaura, leva por nome Cordelia e está impartido por Sabela Gago, Elena Seijo e Fina Calleja. Nel afondarán nas técnicas físicas e vogais, na alaboración do personaxe e na dramaturxia. Os participantes tamén representarán unha peza na Miteu. Por último, Maricastaña, o obradoiro máis avanzado, consiste xa nunha formación actoral que inclúe a preparación dunha montaxe que xirará por diversas mostras estatais e estranxeiras. Neste caso, a docencia corre a cargo de Tito Asorey, Fernando Dacosta e Sabela Gago.

Alén desta escola teatral nivelada, o campus tamén continúa este curso coa Aula de Teatro Gepetto, destinada á formación de actores e actrices que queiran realizar obras para os máis pequenos e pequenas. Durante a celebración desta formación, impartida por Elena Seijo, realizarase unha montaxe que se estreará en Nadal no marco da Moti, a Mostra de Teatro Infantil de Ourense.