DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas celebradas este martes

O campus de Ourense abre as súas portas a 400 estudantes preuniversitarios

A actividade permitiulles coñecer de primeira man as súas instalacións e titulacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 16/01/2024

O campus de Ourense abriu este martes as súas portas a 400 estudantes preuniversitarios procedentes de centros educativos da provincia e de Monforte de Lemos. Ao longo da mañá, rapazas e rapaces tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man as instalacións e titulacións que se imparten nun campus “do que nos sentimos moi orgullosos” e que “agardamos que no futuro sexa tamén o voso campus”, tal e como destacou o vicerreitor Francisco Javier Rodríguez no acto de benvida.

Na xornada Coñece o campus de Ourense participaron 400 estudantes de Bacharelato de sete centros educativos: o IES 12 de Outubro e o CPR Seminario Menor Diocesano A Inmaculada, ambos de Ourense; o IES Celso Emilio Ferreiro, de Celanova; o IES Lagoa de Antela, de Xinzo de Limia; o IES Francisco Daviña, de Monforte de Lemos (Lugo); o IES Carlos Casares, de Viana do Bolo, e o IES Lauro Olmo, de O Barco de Valdeorras. A visita arrancou no edificio Politécnico cunha benvida conxunta por parte de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade da Universidade de Vigo, que agradeceron a alumnado e institutos a excelente resposta a esta actividade.

Formación académica e vida universitaria

Na súa intervención, Rodríguez Rajo puxo en valor as oportunidades que ofrece o campus de Ourense, que conta con nove facultades e escolas nas que se imparten 16 títulos de grao, tres programas conxuntos de dobres graos, 12 mestrados e sete programas de doutoramento, achegándose a cifra de alumnado aos 4800. Trátase, apuntou o vicerreitor, de titulacións “moi acaídas no momento actual, que están moi de acordo co que esixe a sociedade”, pondo en valor igualmente as altas taxas de empregabilidade da maior parte delas. Ademais da súa oferta académica, o responsable académico subliñou a calidade das instalacións universitarias, apuntando como se trata dun “campus que está inmerso na cidade, o que facilita moito a vida universitaria”.

Pola súa banda, Natalia Caparrini animou ao alumnado preuniversitario presente a achegarse en actividades coma esta a coñecer o campus de Ourense e tamén os demais campus da Universidade de Vigo, os de Pontevedra e Vigo. O bacharelato, dixo, “esixe moitísimo” e ao seu remate rapazas e rapaces terán que tomar a decisión de que carreira estudar e onde, unha decisión que, apuntou, condicionará o seu futuro. “Para decidir o que vai a ser o voso futuro tendes que informarvos e ese é o obxectivo desta xornada”, recalcou a responsable académica. Como universidade, subliñou a vicerreitora de  Estudantado e Empregabilidade, “o noso obxectivo é que teñades unha formación académica de calidade que vos axude a ter unha inserción laboral tamén de calidade e que poidades elixir vós o que queredes facer”. Porén, recalcou, “consideramos que ademais diso temos que ofrecervos unha formación integral, dotándovos dunha serie de competencias a través de actividades complementarias que tamén son moi importantes para o voso desenvolvemento profesional, por suposto, pero tamén para o persoal”. Por este motivo, animou á rapazada presente a coñecer non só os centros e titulacións senón tamén toda a oferta que teñen os campus da UVigo en actividades culturais, deportivas, de voluntariado, de mobilidade internacional, de prácticas en empresas, de asociacionismo, etc.  

Tras a benvida, o alumnado dividiuse en grupo para realizar dous itinerarios segundo a súa modalidade de Bacharelato. O itinerario do ámbito xurídico-social, humanidades e artes permitiulles coñecer as facultades de Educación e Traballo Social; Historia; Ciencias Empresariais e Turismo; Dereito e Relacións Internacionais. O itinerario de ciencias e enxeñaría levounos á Escola Superior de Enxeñaría Informática; á Facultade de Ciencias; á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e á Escola Universitaria de Enfermaría. En ambos casos percorreron os seus edificios, coñecendo desde as súas aulas e laboratorios ata museos que albergan, da man de membros dos seus equipos decanais e directivos, que foron explicándolles todo tipo de cuestións referidas ás súas titulacións e actividades. No seu percorrido polo campus de Ourense tamén tiveron a oportunidade de coñecer instalacións como as deportivas e a biblioteca universitaria, ademais das zonas verdes. Dada a alta demanda para participar nestas xornadas, que tiveron aforo limitado ás citadas 400 prazas, está previsto que se repitan en varios días a mediados de marzo.