DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo de rugby, pola súa banda, perdeu contra o Oviedo

O Campus Ourense de baloncesto derrota ao CBB Pontevedra

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 02/11/2009
O Campus Ourense Universidade de Vigo, o cadro sénior de baloncesto, acadou esta fin de semana a súa segunda vitoria na Liga Galega ao derrotar ao CBB Pontevedra por 40-56, un resultado que sitúa ao equipo no terceiro posto da clasificación. O Campus Ourense Rugby, pola súa banda, caeu derrotado ante o Cowper RC de Oviedo por un resultado de 35-19, o que deixa aos ourensáns con cinco puntos na táboa e con só un de vantaxe sobre o Cowper RC.
Para o adestrador do cadro sénior de baloncesto, Javier Pérez, unha das claves da vitoria do partido estivo no feito de que os xogadores do CBB Pontevedra levan pouco tempo traballando xuntos. “Están nunha fase de acoplamento, mentres que nós xa temos máis tempo rodado”, declara. A pesares da vitoria, e de que os xogadores ourensáns sempre foron por diante no marcador, o adestrador asegura que non foi un bo partido. “O resultado do encontro foi positivo e isto permítenos calificar a situación de un pouco optimista. Sen embargo, somos conscientes de que non fixemos un bo xogo, e de que temos que mellorar moito se queremos afrontar con éxito encontros con outros rivais máis fortes e consolidados”, declara.
Este resultado sitúa ao equipo no terceiro posto da clasificación. No primeiro posto da táboa está o CB Tui, empatado a puntos co segundo clasificado, o Allariz Blanco Quintas, xa que ambos equipos non perderon ningún encontro.
O equipo ourensán volverá xogar na casa este sábado, 7 de novembro, contra o Baiona. O partido terá lugar no pavillón universitario ás cinco da tarde.

Os asturianos puxeron contra as cordas ao equipo ourensán de rugby

O Campus Ourense Rugby caeu derrotado na súa visita desta fin de semana a Oviedo. Os xogadores ourensáns protagonizaron un mal encontro, e estiveron fóra do partido en todo momento. De feito, os locais aproveitaron axiña a súa superioridade no xogo e conseguiron cedo dous ensaios que puxeron contra as cordas aos ourensáns. Ao comezo da segunda parte, o equipo universitario remontou situándose a sete puntos dos ovetenses. Pero foi só un espellismo, porque axiña os locais voltaron a alonxarse no marcador con dous ensaios máis.
O resultado do encontro foi de 35-19, o que deixa ao Campus con cinco puntos na táboa e só un de vantaxe sobre o Cowper RC.