DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo júnior recibe na casa ao Marín, actual líder da categoría

O Campus Ourense de baloncesto tentar volver á senda da vitoria ante o CBB Pontevedra

As viguesas do San José Guía van ser as rivais das xogadoras sénior de baloncesto

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 29/01/2010

Con boas vibracións preséntaselles aos xogadores sénior de baloncesto masculino o encontro que xogan este sábado contra o último clasificado da categoría, o CBB Pontevedra. O equipo afronta este novo encontro tras a derrota sufrida a pasada fin de semana contra os xogadores de O Meco Santo Ángel, un tropezo que rompeu a boa racha de vitorias do cadro ourensán e que o fixo descender dous postos na táboa de clasificación ata a terceira posición que ocupan na actualidade. O adestrador, Javier Pérez, afronta este novo enfrontamento coa esperanza da vitoria e de recuperar así os bos resultados acadados nos últimos partidos. Con todo, Javier Pérez é consciente de que non deben confiarse. Segundo as súas palabras, “debemos afrontar este partido coa seriedade que se corresponde coa nosa situación. O CBB Pontevedra vai ser todo o asequible que nós queiramos que sexa e daranos problemas se a nosa concentración non é a suficiente”. O adestrador lembra tamén que neste tipo de encontros o equipo peor clasificado emprega todas as súas forzas e todo o seu mellor xogo cando se enfronta aos primeiros clasificados da táboa. “Este equipo vai xogar o partido ao máximo e nós deberemos saber responder con eficacia para poder gañar o encontro”, asegura.

O equipo júnior mídese ao líder

O equipo júnior masculino de baloncesto recibe este domingo na casa ao actual líder da categoría, o Marín Peixe Galego e faino despois da derrota sufrida a pasada fin de semana contra os vigueses do Maristas por catro puntos de diferenza O adestrador dos xogadores, Miguel González, subliña a fortaleza deste novo rival explicando que o cadro vén de reforzar novamente o seu plant cunha bolsa para outro xogador de fóra de Galicia, “polo que probablemente teñen xa o equipo máis forte da competición ao ser o cadro que máis cartos inviste en fichaxes”, afirma. Miguel González lembra que, no partido de ida “fixéronnos moito dano co seu xogo interior grazas á forza dos seus pívots e á anotación do seu alero extranxeiro” e asegura que, a pesar da dificultade, “tentaremos dar a sorpresa ante os claros favoritos”. O encontro terá lugar o domingo, ás doce da mañá, no pavillón do campus universitario.

As viguesas do San José Guía, rivais das xogadoras sénior

“Un partido complicado”. Así define Roberto Rapela, o adestrador das xogadoras sénior de baloncesto, o encontro deste domingo contra as viguesas do San José Guía. O cadro rival ocupa nestes momentos a penúltima posición da táboa clasificatoria e só gañou un partido. Ademais, na primeira volta as xogadoras ourensás ganáronlle por uns vinte puntos de diferenza. Con todo o adestrador é moi prudente ante este novo enfrontamento. Segundo as súas palabras, “neste tipo de ligas inflúen moitos factores como a pista e a arbitraxe. Neste caso xogaremos en Vigo nun pavillón aberto e nunha pista difícil. Todo iso vai ser determinante para decidir o resultado do encontro”, declara. Na actualidade o Universitario Campus Ourense ocupa o segundo lugar na táboa de clasificación por detrás do Compañía de María.