DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor e o presidente da Confederación Miño-Sil asinan un protocolo de colaboración

O campus de Ourense, punto de referencia da análise da nova planificación hidrolóxica

Funcionariado das diferentes confederacións participan nun curso con destacados poñentes

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 20/09/2010

O desenvolvemento do potencial dos grupos de investigación que traballan en cuestións relacionadas coa hidroloxía e o do Grao en Ciencias Ambientais que se imparte desde este curso na Facultade de Ciencias de Ourense, son os obxectivos fundamentais do protocolo de colaboración asinado este luns polo reitor da Universidade de Vigo e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. A sinatura que tivo lugar no salón de actos do Edificio Politécnico do campus ourensán produciuse ao fío da celebración dun curso organizado polo Ministerio de Medio Ambiente Medio Rural y Marino que baixo a denominación de Caudais ecolóxicos reunirá ata o mércores a funcionarios e funcionarias de todas as confederacións hidrográficas nacionais coa finalidade de homoxeneizar criterios técnicos en pleno proceso de redacción dos plans hidrolóxicos de cada confederación nos que se determinarán os caudais ecolóxicos de cada corrente ou cada tramo de río.

Trala sinatura do protocolo tanto o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, como o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares, incidiron na importancia de respectar o recursos hidrolóxicos, que non por ser abondosos no caso de Galicia, deben ser nin mal empregados, nin mal xestionados. “A auga é clave en calquera estratexia medioambiental”, asegurou o reitor da Universidade de Vigo que manifestou a necesidade de ir cara a unha nova economía “na que a sostibilidade ten que ser imprescindible”. Pola súa banda Francisco Fernández lembrou a importante cantidade de caudais de auga cos que conta Galicia cara aos que demandou “coidado” e que asegurou “é un dos temas máis preocupantes na nosa planificación”.

O proceso de planificación hidrolóxica

O presidente da Confederación Hidrolóxica Miño-Sil, destacou na súa intervención posterior á sinatura do protocolo coa Universidade de Vigo a importancia do proceso de planificación hidrolóxica actual ao tempo que aludiu a algúns factores que Fernández Liñares considera determinantes como as concesións ou o cambio climático. Sobre este último y máis concretamente en relación coas variacións experimentadas en relación coas temperaturas e precipitacións, o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, asegurou que “o cambio climático incide claramente na xestión da auga e máis nun momento de planificación hidrolóxica como este”. Fernández Liñares que apelou á obxectividade na xestión da auga destacou as vantaxes da produción hidroeléctrica que acada na actualidade ata un 14%.

Pola súa banda o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, aludiu ao “valor económico da auga” nun territorio como Galicia onde “estamos acostumados a que auga sobra, pero non é así”, dixo. O reitor manifestou a sensibilidade da institución que dirixe con todas as cuestións relacionadas co estudo da auga , ao tempo que manifestou á Confederación Hidrográfica o seu desexo de “ser aliados estratéxicos para desenvolver ideas en común”.

O novo Grao en Ciencias Ambientais, clave na elección do lugar de celebración do curso

O feito de que o campus de Ourense sexa o único de Galicia no que se imparte un Grao en Ciencias Ambientais, foi un elemento determinante á hora de que os responsables do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino, decidisen o lugar da celebración das sesións que contarán coa presenza de destacados poñentes como Fernando Magdaleno, investigador do Centro de Estudios y Experimentación de Obras Públicas; Francisco Peñas Silva, do Instituto de Hidráulica Ambiental de Cantabria e Mónica Bardina Martín, especialista da Agència Catalana de l’Agua entre outros.

Unha razón á que o coordinador do curso e xefe da Área de Plans e Estudos da Oficina de Planificación da Confederación Miño-Sil, Emilio Esteban, engade outra “que fomos a última confederación creada e pensouse que era un bo lugar para establecer un novo modelo de planificación”. Esteban destaca o valor homoxeneizador que o curso organizado polo Ministerio pode ter para o funcionariado que participa nel. “Ë un curso moi técnico para que os funcionarios que traballamos nas diferentes confederacións e nos dedicamos a este tema teñamos uns criterios concretos e homoxeneos para que a aprobación dos plans hidrolóxicos de conca se faga en base a fundamentos comúns en todas as confederacións”. O coordinador do curso considera que coa aprobación dos plans hidrolóxicos “melloraremos o estado hidrolóxico dos nosos ríos. Basicamente permitirá mellorar a calidade das augas dos ríos da Península Ibérica”, sinala Esteban.