DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na sexta xornada de liga conseguiu gañar ao Lalín por 16 a 19

O Campus Ourense Rugby acada a súa primeira vitoria da tempada

Os xogadores de baloncesto tamén acadaron un punto positivo no seu encontro da fin de semana

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 03/12/2012

Tiveron que agardar ata a sexta xornada da Liga Galega de Rugby pero finalmente o Campus Ourense Rugby masculino sénior acadou a súa primeira vitoria da tempada. Foi contra o Lalín nun disputado encontro que por fin rachou os malos resultados que viña acumulando o primeiro equipo ourensán. Tamén foi unha boa fin de semana para o Universitario Campus Ourense de baloncesto masculino sénior, que gañou ao TGM Arzúa e consegue deste xeito consolidarse na táboa. Pola contra, os conxuntos femininos tanto de rugby coma de baloncesto perderon os partidos disputados.

Cun marcador final de 16 a 19 puntos, o Campus Ourense Rugby masculino sénior conseguiu o seu primeiro punto positivo da tempada na súa visita ao campo do Lalín. Os xogadores adestrados por Américo Gómes enfrontaban o encontro co firme desexo de acadar o seu primeiro punto positivo da liga galega e tras disputar un encontro moi igualado, os ourensáns puideron por fin celebrar unha vitoria que agardan repetir o día 16 de decembro contra o CR Ferrol. Peor sorte tiveron as xogadoras de rugby, que perderon 65 a 12 puntos contra o Vigo Rugby Club a pesar do esforzo realizado.

En baloncesto tamén se repetiu este desigual resultado entre equipos femininos e masculinos. Na primeira división sénior masculina e na novena xornada de liga, o Universitario Campus de Ourense gañou 63-47 ao TGM Arzúa. Con este marcador, os xogadores adestrados por Toni Garda consolídanse nun sexto posto na táboa á espera de xogar o día 15 contra o CB Tui. Pola súa banda, as ourensás sufriron un revés na sétima xornada da primeira división autonómica feminina ao perder contra o La Salle de Santiago de Compostela por 87-71 puntos. Este resultado coloca ás xogadoras adestradas por Adrián Álvarez nun quinto posto despois de encabezar nas anteriores xornadas de liga a clasificación. O día 15 de decembro agardan no seu partido contra o C Pío XII ascender postos e volver a estar nos primeiros lugares da clasificación.