DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os xogadores enfrontaranse ao Blusens Universidade de Vigo B

O Campus Ourense Rugby clasifícase para a final da Copa Xunta

O conxunto feminino quedou eliminado nas semifinais

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 20/05/2013

A Copa Xunta de Galicia de rugby terá un gañador universitario. O Campus Ourense Rugby sénior masculino e o Blusens Universidade de Vigo B clasificáronse esta fin de semana para disputar a final desta competición. Os xogadores ourensáns acadaron unha das prazas despois de gañar en Vilagarcía de Arousa aos Ingleses. Pola súa banda, as xogadoras de rugby ourensás quedaron eliminadas nas semifinais despois de perder o encontro disputado este domingo contra o CRAT da Coruña.

Os primeiros en xogar o seu partido clasificatorio para a Copa Xunta de Galicia foron os xogadores sénior. Foi unha eliminatoria a partido único disputada en Vilagarcía de Arousa o sábado, día 18, que se saldou cun marcador final de 21 a 23 puntos a favor dos ourensáns. Unha axustada vitoria que dá conta do igualado que foi o encontro e de como os dous conxuntos loitaron ata o último minuto por un posto na final da competición. Despois de gañar 17-5 ao Mareantes, o contrincante do Campus Ourense Rugby na final será o Blusens Universidade de Vigo B.

Pola súa banda, o equipo sénior feminino do campus xogou o domingo o seu encontro de copa. As xogadoras, que viñan de competir na selección galega, enfrontaron o partido con moitas gañas de conseguir unha vitoria na casa que lles dese un posto na final. Sen embargo, as ourensás víronse superadas polo CRAT da Coruña e perderon o encontro por un resultado final de 27-42.

I Carreira Urbana de Orientación Solidaria

Alén destas competicións oficiais, o Servizo de Deportes do campus de Ourense está inmerso agora na preparación da I Carreira Urbana de Orientación Solidaria, que se celebrará o sábado 25 de maio para recoller produtos non perecedoiros e de hixiene para o Banco de Alimentos e Cruz Vermella Ourense. A actividade comezará na Praza Maior, onde de 09.00 a 10.30 horas se trocarán alimentos por dorsais para participar, e rematará aproximadamente á 13.00 h. Haberá un agasallo para todos os participantes e medallas solidarias para os primeiros clasificados nas probas. Unha oportunidade, explican os seus promotores, para que nenos e maiores pasen unha mañá diferente ao mesmo tempo que contribúen a unha boa causa, polo que animan á cidadanía a unirse a esta iniciativa.