DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os xogadores acadaron unha vitoria na súa visita a Ponferrada

O Campus Ourense Rugby consegue a permanencia

O equipo de baloncesto feminino mantense na loita polo liderado da súa categoría

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 29/04/2013

Unha fin de semana máis os equipos de baloncesto e de rugby do campus de Ourense afrontaron os seus respectivos encontros de liga buscando uns puntos positivos moi importes neste tramo final da competición. O Campus Ourense Rugby conseguiu gañar ao Bierzo e librarse así do descenso de categoría. Os ourensáns repetirán a vindeira tempada na primeira territorial. Pola súa banda, as xogadoras de baloncesto tamén acadaron unha vitoria fronte ao Maristas Cubicaje que lles permite manterse na dura loita por gañar a primeira división autonómica feminina.

Resultados en rugby...

Bierzo 14-Ourense 19. Este foi o marcador final do partido de volta da loita pola permanencia que xogou esta fin de semana en Ponferrada o Campus Ourense Rugby Club contra o equipo do Bierzo, ao que xa gañara no encontro de ida. “Tras unha tempada irregular, os dous partidos gañados ao Bierzo deixan un sabor agridoce, xa que o noso equipo viuse abocado a disputalos por uns resultados que non acompañaron ao bo xogo practicado ao longo de toda a tempada. Esperemos que o ano que vén, coas ideas máis claras, o conxunto poida disputar o título de liga, que merecidamente se levou o Mareantes RC de Pontevedra nesta edición”, destaca Xavier Conde en nome do conxunto ourensán.

... e en baloncesto

Polo que respecta ao baloncesto, na primeira división autonómica feminina continúa a dura loita polo seu liderado entre o Universitario Campus de Ourense, o Calasancias e o ED Lourenzá Ensino. As ourensás gañaron esta fin de semana ao Maristas Cubicaje por un axustado marcador de 51-55 puntos. Con este resultado e cun total de 15 vitorias e catro derrotas no que vai de liga, o equipo universitario mantense deste xeito terceiro na táboa e empatado a partidos gañados e perdidos co primeiro e segundo clasificado. A próxima xornada de competición, o equipo ourensán enfrontarase ao Universitario de Ferrol buscando un novo punto positivo que lle permita seguir loitando polo liderado.

Na primeira división sénior masculina o resultado foi pola contra negativo. Despois das vitorias acadadas nos últimos encontros de liga, o Universitario Campus de Ourense perdeu contra o Instituto Rosalía de Castro, líder da táboa, por 67-57 puntos. Deste xeito, os ourensáns sitúanse décimos na clasificación, con dez partidos gañados e doce perdidos. A vindeira xornada, o día 4 de maio, xogarán contra o Santo Domingo Betanzos.