DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Compite nas categorías masculina, feminina, cadete e infantil deste deporte

O Campus Ourense Rugby medra en equipos, resultados e afección

O club fai fincapé no traballo de grupo e na creación de canteira de xogadores

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 07/12/2011

No campus universitario de Ourense o rugby ten un protagonismo especial e iso débese en boa parte ao traballo do Servizo de Deportes do campus e dun club, o Campus Ourense Rugby, que en poucos anos pasou de ser un grupo de amigos a contar con equipos competindo nas categorías masculina, feminina, cadetes e infantil. Moita ilusión, gañas de gozar do deporte e da competición, traballo de canteira e dispor dunhas boas instalacións para a práctica deste deporte son algunha das claves que explican o auxe deste club e do rugby en Ourense.

“Fai un par de tempadas o club era pouco mais que un grupo de amigos que se xuntaron da fusión do Cro e do Santa Compaña. A directiva, capitaneada por Antonio González, propuxo subir este club para arriba e crear máis categorías, algo que finalmente estamos a conseguir”, explica Javier Conde, encargado das relacións institucionais do Campus Ourense Rugby. Deste xeito, nesta tempada compiten en categoría masculina e feminina sénior, cadete e infantil. Precisamente, a gran novidade nesta edición foi entrar por primeira vez na competición feminina, despois de conseguir conformar un grupo de xogadoras veteranas e noveis adestradas por Guti. “Cada día son máis as rapazas que baixan aos adestramentos, algo que fai que o resto de equipos do club nos sintamos orgullosos do seu traballo”, destaca Conde.

Se o equipo feminino é a novidade, o valor consolidado do Campus Ourense Rugby é a formación masculina, adestrada por Ernesto Barbosa, que a pasada tempada gañou a súa liga pero que non puido ascender por motivos económicos. “Este ano os xogadores do primeiro equipo están a sufrir as consecuencias dos duros adestramentos e do alto nivel de competición, con rivais que optaron por xogar na 1ª territorial galega connosco pois por motivos económicos non puideron manter a categoría, algo que fixo que esta división gañase en prestixio pero tamén en competitividade”, explica o responsable de relacións institucionais do Campus Ourense Rugby.

Dos adultos aos máis pequerrechos

O outro gran orgullo do Campus Ourense Rugby é o traballo de canteira que se materializa na existencia dun equipo cadete adestrado por Yayo de la Fuente. “Eles son o futuro do primeiro equipo, sempre andan a axudar a adestrar ao primeiro equipo e sempre están abertos ás iniciativas do club”, destaca Javier Conde. Aínda máis pequenos, o club conta cun equipo infantil, dirixido e adestrado por xogadores do primeiro equipo, como son Juan Rodríguez de Uña e Francés. “Os pequerrechos aínda non acadaron ningunha vitoria pero amosan as boas maneiras que ven nas categorías superiores. Pouco a pouco irán subindo, pero o importante neste caso é divertirse e pasalo ben, facendo amizades e sobre todo formando grupo”, salienta o responsable de relacións institucionais do club.

Dada a importancia que conceden ao fomento deste deporte a á creación de canteira de xogadores, o club conta coas chamadas escolas deportivas, nas que diferentes xogadores dos equipos están a ir a institutos ourensáns a ensinar a práctica deste deporte ao mesmo tempo que botan un ollo a posibles fichaxes entre escolares que están a estudar 1º e 2º da ESO.

“Con Luis, presidente do club; Magui, tesoreiro; Abraham, capitán do equipo e webmaster do club; Lucas coas escolas deportivas; Brais como utileiro e mantemento dos campos e eu mesmo en relacións institucionais e prensa conformamos unha directiva coa que buscamos dar un novo aire ao club. Cando queirades pasádevos pola Universidade, adestramos case todos os días, ou visitádenos na nosa web”, apunta Conde.