DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrouse o domingo no campo de Monterrei

O Campus de Ourense Rugby perde un encontro amistoso contra o CRAT

A pesar de que os coruñeses son líderes de Primeira Nacional, os ourensáns fixeron un bo partido

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
DUVI 13/12/2010
O Campus de Ourense Rugby enfrontouse esta fin de semana aos líderes de Primeira Nacional, o CRAT Coruña, nun partido amistoso. A pesares da derrota encaixada, os ourensáns deixaron un bo sabor de boca xa que foron capaces de xogar un rugby dinámico e sen trabas fronte aos coruñeses nun partido no que ao non ser oficial non se fixo reconto de puntos final. Os rapaces que adestra Ernesto Barbosa estiveron a piques de dar a sorpresa pero finalmente a experiencia e calidade do CRAT impúxose. De todos os xeitos, os responsables do Campus salientan o bo partido feito polos xogadores, entre os que destacaron Aguililla e Iaguito e en xeral a dianteira ourensá, que soubo enfrontarse a un equipo coruñés formado con profesionais de División de Honra B.

Preparando os seguintes encontros

O partido celebrouse no campo de Monterrei e forma parte da serie de amizosos que o Campus está facendo durante o parón na competición rexional por descanso do equipo. Estes encontros son aproveitados por Barbosa para darlle máis minutos aos xogadores recén chegados ao equipo.

O partido serviu ademais para preparar a próxima xornada de liga e primeiro partido da segunda volta do rugby rexional que o equipo ourensán xogará fronte o Muralla de Lugo, na cidade lucense.