DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O resultado final foi 17-13

O Campus de Ourense Rugby perde fronte ao Muralla RC de Lugo nun partido moi igualado e intenso

O encontro tivo lugar o sábado no campo lucense de As Pedreiras

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
DUVI 20/12/2010
O Campus Ourense de Rugby perdeu esta fin de semana contra o Muralla RC de Lugo por un axustado 17-13. O encontro, que tivo lugar o sábado pola tarde no campo lucense de As Pedreiras, foi moi igualado e intenso, aínda que finalmente os ourensáns non foron quen de conseguir a vitoria. A pesares desta segunda derrota na liga, o Campus Ourense Rugby segue dominando a táboa de clasificación con 5 puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, o Universidade de Vigo.

Durante o partido, o Muralla RC adiantouse no marcador grazas a un golpe de castigo e un ensaio transformado, que foi respondido polo Campus Ourense cun golpe de castigo transformado por Mumary e un ensaio de Abraham. Así no descanso o resultado de 10-8 reflectía o igualado no xogo. Na segunda metade os lucenses continuaron dominando o encontro, conseguindo un ensaio transformado que deixaba o marcador nun 17-8 mediada a segunda metade.

Os ourensáns reaccionaron na procura da vitoria e pecharon aos locais na súa zona de 22 durante moitos minutos. Un ensaio de Iago a falta de 5 minutos para o final metía de novo ao Campus Ourense de Rugby na loita pola vitoria pero, aínda que o seguiron intentado ata o último momento, non tiveron éxito ante a boa defensa do Muralla RC. Ao final do encontro, un axustado 17-13 a pesar do cal os ourensáns seguen dominando a clasificación.