DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo que dirixe Ernesto Barboza prepárase para xogar o ascenso

O Campus Ourense Rugby proclámase campión da Liga Galega

O vindeiro 12 de marzo celebrarano cos xogadores e xogadoras das demais categorías de rugby da cidad

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
DUVI 28/02/2011
Xa eran matematicamente campións desde o pasado 12 de febreiro pero este sábado o Campus Ourense Rugby converteuse en campión oficial da Liga Galega de Rugby despois de xogar o seu último partido de competición. Non puideron celebralo en Vigo cunha vitoria, pois perderon contra o Iveco Universidade, pero farano como corresponde o vindeiro 12 de marzo compartindo campo cos demais xogadores e xogadoras das diferentes categorías de rugby ourensán.

O Campus Ourense Rugby enfrontou coa tranquilidade que dá ser gañadores de liga o seu último partido da tempada contra o Iveco Universidade e perdeu 22-17. “Aproveitamos o encontro para dar entrada aos xogadores que tiveron menos minutos na liga e para probar novidades no noso xogo” explica o adestrador do equipo, Ernesto Barboza. Deste xeito, na primeira parte do encontro o dominio dos vigueses foi claro, aínda que na segunda parte os dous equipos estiveron máis igualados. En positivo, o adestrador ourensán salienta a boa integración que se viu das múltiples caras novas que saltaron ao campo dende o inicio do encontro.

Rematada a liga, o Campus Ourense Rugby segue adestrando, pois agora tócalle enfrontarse ao seu partido máis importante. “Estamos á espera de saber cando e como xogaremos a fase de ascenso á Liga Nacional, o noso obxectivo inmediato” salienta o Barboza. Mentres chega ese momento, os ourensáns preparan para o 12 de marzo a súa celebración de campións de liga, unha celebración na que xogarán no novo campo de futbol-rugby do campus cos seus compañeiros e compañeiras dos diferentes equipos de rugby.

A única vitoria, os júnior de baloncesto

A derrota do Campus Ourense Rugby non foi a única desta fin de semana para os xogadores universitarios. Tamén en rugby, os cadetes perderon 31-10 contra o Ferrol nun encontro disputado na Malata e no que os dous equipos presentaban un alto número de baixas. Os rapaces que adestra Yayo de la Fuente teñen dúas semanas por diante na que agardan recuperar aos seus lesionados e enfrontar a recta final do campionato coa forza suficiente para acadar una boa clasificación.

O equipo de baloncesto sénior do campus tamén se uniu a esta racha de derrotas e perdeu contra o Vinoteca Lembranza Liceo Casino por un axustado 57-62. “Os partidos da casa estannos custando demasiado. A alegría coa que xogamos fóra non dá aparecido nos partidos que xogamos na nosa pista e iso é algo preocupante porque está relacionado máis coa parte psicolóxica que física” explica o adestrador, Javier Pérez. Con este resultado os ourensáns continúan primeiros, empatados cos segundos clasificados e a dúas vitorias dos terceiros, aínda que con dúas xornadas menos de competición. Con esta situación tan axustada, o adestrador pide concentración para os vindeiros encontros xa que, advirte, “o partido da próxima xornada é o primeiro da parte máis de dura do calendario”, onde os ourensán se enfrontarán aos equipos dos postos superiores da táboa.

Os que si conseguiron a vitoria a fin de semana foron os xogadores do Campus Ourense Blanco Amor. Os júnior de baloncesto masculino enfrontáronse ao Tirso Molina nun partido moi igualado no que os ourensáns conseguiron finalmente gañar por un axustado resultado final de 68-66.