DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Campus Ourense Rugby viuse superado polo Muralla RC nun partido amigable

O equipo júnior masculino de baloncesto tamén perdeu contra o santiagués do Rosalía

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Ourense DUVI 11/01/2010

Fin de semana de derrotas para os equipos de rugby e de baloncesto júnior masculino que esta fin de semana disputaron sendos encontros tralo descanso do Nadal. O Campus Ourense Rugby perdeu o partido amigable do sábado contra o lugués do Muralla RC por un resultado de 26-31. O partido tivo lugar este sábado no campo de Monterrei, unha xornada na que o Campus Ourense Rugby se viu superado polo equipo lugués do Muralla RC. Ambos equipos saíron ao campo con moitas baixas e varias modificacións nos seus quinces titulares. O encontro foi moi aberto, con moitas xogadas ofensivas por parte de ambos equipos e pouca intensidade nas defensas. Os ourensáns comezaron anotando e estiveron boa parte do encontro por diante, pero a efectividade do pateador do equipo lugués mantivo ao Muralla RC sempre no encontro ata que cun ensaio se puxeron por diante. Ao final un marcador de 26-31 daba unha xusta vitoria aos visitantes. A vindeira fin de semana o equipo enfrontarase ao CRAT, ao que visitan sendo o líder da división.
Por outra banda, cabe subliñar o convenio asinado recentemente para a creación dunha franquicia galega para a Liga Súper Ibérica de Rugby que comezará a andar este mesmo ano. A franquicia, de nome Os Druidas Galicia, representará a todos os equipos galegos, será dirixida por Juan Carlos López Barcia (Inglés) e terá como sede habitual o novo campo de rugby que se está a construír no Campus Universitario de Ourense.

Os xogadores júnior de baloncesto perderon contra os santiagueses do Rosalía

O equipo júnior de baloncesto masculino, pola súa banda, perdeu o seu encontro da fin de semana contra o santiagués do Caixanova Rosalía por dez puntos de diferenza (73-63). En opinión do adestrador, Miguel González, o cadro rival “contaba cunha plantilla bastante completa destacando, sobre todo, os seus xogadores exteriores”.
O partido estivo igualado no primeiro cuarto, “pero o Rosalía colleu as primeiras vantaxes de máis de dez puntos no segundo cuarto debido ao seu gran acerto no tiro e a que nós non eramos capaces de crear bos tiros no noso ataque estático”, segundo explica o adestrador. Na segunda parte do encontro o guión foi moi parecido e o cadro ourensán chegou a ir perdendo por vinte puntos. Foi no último cuarto cando o equipo conseguiu achegarse “e, a falta de minuto e medio, non nos entrou un triple que nos poñería a sete puntos e que nos permitiría seguir con opcións. Ao fallar eles puideron manter a vantaxe e xa non nos deu tempo de remontar”, explica o adestrador.
A vindeira xornada o Campus Ourense Blanco Amor recibirá ao Estudiantes de Lugo. O encontro terá lugar o domingo, 17 de xaneiro, ás 12.00 horas, no pavillón do campus de Ourense.