DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Poderá empregarse de balde

O campus pensa en verde coa súa primeira electrolinera

A Universidade de Vigo buscará financiamento europeo para implantar a enerxía eléctrica no transport

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 06/05/2011

É un posto de recarga lenta, en corrente alterna, monofásica e de 16 amperios e, o máis importante, é de balde. A Universidade coloca no campus de Vigo a súa primeira electrolinera, un posto de carga para vehículos eléctricos que supón un verdadeiro punto de inflexión de cara á mobilidade sostible e cara a que xa se chama a terceira revolución industrial. “Queremos dar exemplo e estar na vangarda do que debe ser a sensibilización social, non só importante dende o punto de vista ambiental, senón tamén pensando en asegurar o noso futuro e no novo modelo económico cara ao que debemos de ir”, asegurou o reitor Salustiano Mato, que recordou que “se o último salto foi o desembarco das novas tecnoloxías da información e da comunicación somos conscientes de que o seguinte cambio estrutural mundial xirará arredor das enerxías limpas e nos temos que estar canto antes neste mundo”.

Impulsada xunto con BlueMobility, esta electrolinera é o primeiro paso dunha aposta clara da Universidade de Vigo polo desenvolvemento sostible, un proxecto que xa se está a aplicar nalgúns edificios a través da xeotermia e que tratará de extrapolarse ao transporte público “intra e intercampus”. Para abordar esa nova era de mobilidade sostible, a Universidade viguesa está a estudar posibles colaboracións para atopar financiamento europeo que permita non só ter unha rede de electrolineras, “senón tamén levar a cabo desprazamentos en vehículos eléctricos entre os campus de Vigo, Ourense e Pontevedra”, salientou Mato.

Cos primeiros vehículos eléctricos a piques de saír ao mercado a finais deste mes, a electrolinera do campus, situada fronte ao taller mecánico da Cidade Universitaria, poderá empregarse de xeito gratuíto, aínda que ao custe actual da enerxía mentres non se modifiquen as tarificacións a carga completa dun vehículo “está preto dos 1,8 euros, un prezo moi baixo comparado co que podería supoñer a alternativa en combustibles fósiles”, asegurou Alberto Casal, representante de BlueMobility. Casal xa advirte: os coches eléctricos comezarán a ser o pan noso de cada día en dous ou tres anos, non só en particulares, senón tamén para o transporte colectivo nos núcleos urbanos. “A poboación concéntrase nas cidades e aí hai cada vez máis partículas, óxidos de nitróxeno, de xofre… que son prexudiciais para a saúde, ademais de que os combustibles fósiles non son renovables e son cada vez máis caros”, subliñou.

Unha aposta polos híbridos recargables

Cun proxecto de referencia europea posto en marcha en Galicia para pór en marcha unha rede de electrolineras que dea soporte ás novas necesidades, conforme a infraestrutura de carga se vaia ampliando o comportamento dos condutores irá cambiando, xa que xa non se irá á recargar a un punto en concreto senón que “onde o deixo aparcado o conecto”. Unha infraestrutura imprescindible tendo en conta que incluso os vehículos híbridos, gran aposta neste momento de factorías como PSA Peugeot-Citroën, son recargables. “Polo de agora tiramos por unha tecnoloxía híbrida, porque o vehículo eléctrico será a próxima revolución industrial pero non nun futuro inmediato, senón de aquí a seis anos. Iso non quita que comecemos a introducir vehículos deste estilo no mercado, como a Berlingo Partner 100% eléctrica que comezará a fabricarse na factoría viguesa a principios de 2013”, asegura o director técnico de PSA, Juan Ramón Rodríguez. Polo de agora, o destino principal destes coches: flotas de empresas, para reparto ou para transporte urbano.