DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Pontevedra acolle o Campionato Universitario de Pádel

O prazo de inscrición remata o vindeiro martes día 9 de marzo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
E.L. Castro DUVI 05/03/2010

Superados con éxito os exames, quizais sexa tempo para o alumnado de medir as súas capacidades noutras lides. Achegar a posibilidade á comunidade universitaria de enfrontarse a unha competición en calquera modalidade deportiva é un dos quefaceres do Servizo de Deportes, que desta volta trae ao campus de Pontevedra o Campionato Universitario de Pádel. A cita terá lugar o 16 de marzo no Club de Pádel Bao e a ela poderanse presentar parellas masculinas, femininas e mixtas. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro martes día 9, podendo formalizarse no apartado de inscricións en competicións da web do Servizo de Deportes.

Pase ao campionato de España

O técnico de actividades deportivas do campus, Gustavo Loureiro, quere animar a todos os interesados neste deporte a anotarse, pois considera que é “unha boa oportunidade, xa que é un torneo clasificatorio para o Campionato Universitario de Pádel de España, que pon sobre a mesa a posibilidade de competir a nivel estatal”. Con todo, sinala que non abonda con gañar o campionato universitario para competir en España, senón que “se esixe un ránking mínimo e téñense en conta outros criterios a maiores”.
Esta é unha das convocatorias tradicionais do Servizo de Deportes, con varias edicións e que xa o ano pasado se celebrou no campus pontevedrés. O seu desenvolvemento, segundo Loureiro, fixarase en función do número final de inscricións. O técnico do campus explica que na última edición participaron 8 parellas masculinas, polo que se realizou unha fase inicial en dous grupos con todos os cruces posibles, das que saíron os enfrontamentos en semifinais e finais. Confía en que este ano se apunten tamén parellas femininas e mixtas e lembra que haberá trofeos para os dous primeiros clasificados.