DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Únese á iniciativa pioneira da Casa Inglesa, que se estreou este curso con 12 inquilinos

O campus de Pontevedra amplía, coa Casa Española, a súa aposta pola inmersión lingüística

Pensada para que os estudantes e docentes estranxeiros se acheguen á lingua e á cultura

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
M. Del Río DUVI 04/07/2013

Mergullarse na lingua, na cultura e nos costumes sociais dun xeito natural e ameno e sen necesidade de saír do país. Con este obxectivo estreábase neste curso que remata a Casa Inglesa, unha iniciativa pioneira do Campus de Pontevedra que apostaba pola inmersión lingüística dos seus estudantes mediante a convivencia titorizada en pisos compartidos con falantes anglosaxóns. A vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, cualificou a primeira edición como "un éxito”, o que animou á institución académica a ampliar esta oferta de cara ao curso que vén coa Casa Española, pensada para que os estudantes e docentes estranxeiros que pasen parte do ano académico na Universidade poidan mergullarse por completo nas linguas e culturas española e galega.

Blanco, acompañada por Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do campus de Pontevedra, presentou ambas alternativas este xoves na Casa da Campás, destacando que esta aposta da Vicerreitoría pretende mellorar a formación lingüística da comunidade universitaria a través da convivencia, de maneira que os participantes vivan, as 24 horas do día, en inglés ou en español, dependendo das súas necesidades.

A Casa Española, a nova aposta

Con esta nova iniciativa o que se intenta é evitar que os estudantes estranxeiros que chegan a Pontevedra se pechen en círculos case impermeables á lingua do país que os acolle. Na Casa Española, cun prezo moi asumible, poderán convivir, falar e divertirse en español e en galego e poderán beneficiarse de clases de apoio e realizar exames de acreditación do seu nivel lingüístico. Xunto con eles, convivirán membros da comunidade universitaria “que seguramente saian da Facultade de Filoloxía e Tradución”, que serán os encargados de que a convivencia sexa de 24 horas en español e galego e fomentando a realización de actividades de ocio e lecer que incidan no coñecemento do idioma e da cultura.

A Casa Inglesa busca repetir o éxito deste curso

Se neste curso se cubriron as 12 prazas ofertadas na Casa Inglesa, a vicerreitora agarda que no curso 2013-2014 a aceptación entre a comunidade universitaria se repita. “Foi unha experiencia pioneira” cunha moi boa acollida sobre todo porque permite unha inmersión lingüística sen necesidade de moverse de Pontevedra, algo moi importante en tempos de crise. Dos participantes neste curso, na súa maioría mulleres e estudantes, Antonia Blanco apunta que, se ben non existe un perfil único, si destaca a súa determinación á hora de aprender idiomas. “Teñen moi claro que é imprescindible, sobre todo pensando no seu futuro profesional ou en cursar un mestrado e a Casa Inglesa sintetiza a busca dunha residencia e a aprendizaxe de idiomas”. Xunto con estes mozos conviviron ao longo do curso dúas head resident, rapazas estadounidenses que forman parte do programa da Xunta de Galicia de lectorados para o ensino secundario, de xeito que para elas era tamén un xeito de integrarse na cidade do Lérez, en cuxos institutos impartían docencia.

Entre 130 e 200 euros ao mes, gastos incluídos

Tanto a Casa Inglesa como a Casa Española facilitan a busca dunha vivenda céntrica e a un prezo asumible, que varía entre os 130 e os 200, segundo se trate de cuartos individuais ou dobres e inclúe os gastos de calefacción, electricidade, auga e internet.

O prazo de inscrición está xa a aberto e, dado que os programas de mobilidade internacional se desenvolven ao longo do curso, non haberá unha data de peche de matrícula. Por outra banda tamén se decidiu non pechar os pisos no verán, xa que na época estival son moitos os docentes estranxeiros que realizan estadías na Universidade e son potenciais inquilinos. Dada a boa aceptación da Casa Inglesa na súa estrea, a Vicerreitoría optou por non delimitar un número de prazas, “senón que nos adaptaremos á demanda”, como explicaba Antonia Blanco.