DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa VIII edición do Maratón de aeróbic solidario do próximo mércores 14 de decembro

O campus de Pontevedra enche o carro dos máis necesitados

Cada participante doará un quilogramo de comida por dúas horas de exercicio

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Bea Feijoo DUVI 12/12/2011

Un quilogramo de comida por unha sesión intensa de exercicio. Este é o intercambio que dende hai anos mantén o campus de Pontevedra coa súa cidadanía nas datas próximas a Nadal, coa celebración da oitava edición do Maratón Solidario de Aeróbic no Pavillón Universitario o próximo mércores 14 de decembro. Esta iniciativa, organizada polo Servizo de Deportes e a Vicerreitoría do campus de Pontevedra, propón que cada participante achegue un quilo de alimentos non perecedoiros que posteriormente se entregarán ao comedor dos Padres Franciscanos. “A Universidade forma parte do tecido social polo que non debe pertencer allea ás circunstancias que a rodean”, explica Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do campus de Pontevedra. Aínda que o maratón de aeróbic vai dirixido en primeiro termo a todos os membros da comunidade universitaria, “está aberto a todos os cidadáns que desexen colaborar con esta boa causa”, engade.

A actividade converteuse nun referente no campus de Pontevedra despois de levar máis de sete anos combinando deporte e solidariedade “sempre co fin de servir de motor para concienciar á comunidade das necesidades que imperan na contorna”, apunta Fernández Souto. Esta “pequena grande axuda” pretende achegar polo menos 200 quilos de comida que se doarán ao comedor social dos Padres Franciscanos de Pontevedra, que sirve cada día máis de cen comidas, o que suporá “unha pequena colaboración con unha institución que se atopa desbordada, xa que cos tempos que corren conta cun maior número de xente á que atender”, sinala Fernández Souto.

Cultivar corpo e mente por unha causa xusta

Como indica a directora da Área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do campus, esta iniciativa benéfica tradúcese “nunha forma saudable de recadar comida, cunha forte dose de deporte aeróbico”, cultivando corpo e mente “por unha contribución moi xusta”. As clases serán impartidas polos monitores das Escolas Deportivas da Universidade de Vigo, “incorporando este ano como novidade unha sesión de zumba”, unha disciplina de fitness de orixe colombiana que mestura pasos de baile con exercicios aeróbicos ao ritmo de música latinoamericana. Tras a doazón do quilo de comida, os asistentes terán dereito a unha sesión de dúas horas intensivas de exercicio que comezará ás 20.00 horas cun quecemento inicial para deixar paso a media hora de aerodance, movéndose ao compás da danza moderna. Unha vez entrados en materia, os asistentes terán outros 30 minutos de aeróbic para pasar ao aerobox, que inclúe nocións de boxeo. A clase rematará coa sesión de zumba e cun estiramento final.

Para manter o ritmo, os participantes recibirán bebidas isotónicas e barritas enerxéticas doadas por Gadisa e tamén unha camiseta de agasallo, cortesía de Punto Deporte. “Gráficas Sogal tamén colabora en esta iniciativa solidaria, facendo promoción do evento nas rúas de Pontevedra coa pegada de carteis”, sinala Fernández Souto.