DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa inauguración dun 'carril-bici-vaca' e unha feira de produtos ecolóxicos

O campus de Pontevedra implícase de cheo no fomento da mobilidade e a alimentación sostible 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI Pontevedra 05/10/2023

Pór en valor a importancia, tanto para a saúde como para o medio ambiente, do consumo de alimentos de proximidade e dunha mobilidade sostible. Estes foron os motivos centrais das dúas actividades desenvolvidas este xoves no campus de Pontevedra que, por unha banda, acolle ao longo unha feira de produtos ecolóxicos e de proximidade, promovida pola Vicerreitoría coa colaboración do grupo de consumo responsable do campus e o patrocinio do Consello Social da UVigo. Por outra, este mediodía procedeuse á inauguración do primeiro 'carril-bici-vaca', unha iniciativa impulsada pola empresa Casa Grande de Xanceda, xunto coa Vicerreitoría e o Concello, que fai do carril bici que conecta o campus da cidade o primeiro en contar cunha serie de pasos de peóns pintados manchas que emulan a pel dunha vaca.

Como explicou a responsable de comunicación de Casa Grande de Xanceda, Sara Torreiro, esta actividade insírese na iniciativa “pasos de vaca”, dirixida a “conectar o rural coa xente máis nova e promover un estilo de vida máis saudable” e que levou previamente a crear 'pasos de vaca' en oito cidades e vilas galegas. Desta volta, o pintado realizouse en diferentes puntos do carril-bici, sendo a primeira iniciativa deste tipo que se desenvolve no marco deste proxecto. “Desde a UVigo estamos encantados de participar en iniciativas como estas, que achegan o rural á cidadanía e mostrar o compromiso social da Universidade”, salientou a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, quen participou no acto inaugural desta iniciativa xunto ao concelleiro de Mobilidade Sostible, Xaquín Moreda, e a directora de Casa Grande de Xanceda, Cristina Fernández. 

Aposta pola sostibilidade

Coincidindo con este acto, o aparcadoiro do edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública acolle, ata as 19.00 horas, unha feira de produtos ecolóxicos e de proximidade, que busca pór o foco “na importancia dunha alimentación saudable e sostible”, como salientou o director de área adxunto á Vicerreitoría do campus, Luis Torres. Unha decena de produtores e empresas da contorna participan nunha feira na que poden atoparse verduras e hortalizas, mel, queixos, zumes ou produtos de cosmética natural. Xunto a eles atópase tamén un posto no que a comunidade universitaria pode inscribirse no grupo de consumo responsable, unha asociación impulsada no campus en 2020 co obxectivo de promover o consumo de alimentos de proximidade e ecolóxicos.

Esta iniciativa abriuse coa actuación da Aula Permanente de Música Tradicional e ao longo da xornada estaban programados tamén unha serie de obradoiros, como unha exhibición de cociña saudable e un taller de fitocosmética. Para a tarde, está previsto un roteiro de recoñecemento e identificación de plantas silvestres comestibles e un obradoiro de upcycling, no que dar novas funcionalidades a produtos que ían tirarse ao lixo. Así mesmo, no posto do grupo de consumo tamén é posible coñecer o funcionamento dunha cociña solar e lévase a cabo o sorteo de diferentes lotes de produtos entre os participantes nesta feira, na que Casa Grande de Xanceda conta tamén un espazo no que promove diferentes xogos e sorteos.