DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do Green Campus, unha iniciativa na que participan centros de todo o mundo

O campus de Pontevedra tamén quere a súa Bandeira Azul

Organizaranse cursos para concienciar á comunidade universitaria en materia ambiental

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Iolanda Fernández DUVI 29/05/2013
Planear e pór en marcha accións que contribúan a diminuír os impactos negativos que a propia sociedade directa ou indirectamente causa no medio ambiente é un dos principais obxectivos que persegue o proxecto Green Campus que promove a organización sen ánimo de lucro Foundation for Environmental Education (Fee) no que participan xa un bo número de universidades de todo o mundo e no que próximamente se mergullará a Universidade de Vigo a través do campus de Pontevedra. A vicerreitora, Antonia Blanco, anunciou, durante o Consello de Campus que tivo lugar este mércores na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, a creación a dun grupo de traballo que marque os pasos a seguir en todo o que atinxe a esta iniciativa.

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, presidiu una xuntanza de máis de tres horas de duración na que, entre outros asuntos xerais, se tratou polo miúdo a complexa situación na que atopan inmersas todas as universidades españolas. Mato quixo destacar tamén os avances que se están a realizar no deseño dunha liña estratéxica que inclúa todas as titulacións do campus de Pontevedra tal e como se fixo en Vigo e mais en Ourense co Campus do Mar e da Auga respectivamente. Explotar toda a potencialidade da súa oferta académica tomando boa nota das necesidades sociais e económicas tanto da cidade como da súa comarca son os principais obxectivos deste plan. A través dunha “cooperación intelixente” o reitor quere promover conxuntamente a imaxe do campus e de Pontevedra a través da creatividade (abandeirada pola comunicación e o mundo artístico), o deporte e o mundo forestal.

Beneficios para o estudantado e a propia sociedade

40 universidades europeas participan na actualidade no proxecto Green Campus que determina como obxectivo prioritario para os novos organismos participantes, tanto facultades a título individual como centros universitarios no seu conxunto, a consecución da Bandeira Azul que outorga a Foundation for Enviromental Education una vez superada a primeira fase deste proxecto. Para lograr este obxectivo, a Vicerreitoría pretende pór marcha cursos e obradoiros de sensibilización e formación dirixidos á comunidade universitaria no que estean involucradas, a ser posible, todas as institucións e organismos da cidade de Pontevedra.

Segundo explicou a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, a participación da Universidade neste proxecto será moi beneficiosa para “concienciar da problemática ambiental aos universitarios a partires das súas propias vivencias”. Para isto, desenvolverase nas próximas semanas un plan de acción específico no que participarán activamente ademais dos representantes de todas as facultades e escolas do campus, a Oficina de Medio Ambiente (OMA), a Unidade Técnica e o Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Universidade de Vigo.

A Casa Inglesa, segunda edición

Neste último curso académico abría as súas portas a Casa Inglesa, unha iniciativa pioneira que se marcou como reto principal, na súa primeira edición, o de potenciar a aprendizaxe de linguas estranxeiras entre o estudantado da Universidade grazas á convivencia nun piso con mozos de fala anglosaxona. O principal atractivo desta proposta é que os seus habitantes deben comunicarse íntegramente en inglés garantindo así que o estudante gañe fluidez e aproveite ao máximo a experiencia. A Casa Inglesa que volverá a abrir as súas portas no vindeiro curso académico dada a boa acollida que tivo nesta primeira edición, ofrécelle ao alumnado a posibilidade de vivir no centro da cidade cun aluguer non superior aos 190 euros con auga, luz, calefacción e internet incluídos, ao mesmo tempo que experimenta “un proceso de inmersión lingüística en toda regra”, destaca Blanco.

Ademais, neste curso académico que remata, as conversas diarias en inglés víronse reforzadas polas clases que impartiron un grupo de docentes do Centro de Linguas que, dúas veces á semana, se desprazaron ata a Casa Inglesa para preparar ao alumnado interesado en realizar a curto prazo algún dos exames oficiais que acreditan os seus coñecementos.

Humanización da Xunqueira

A maiores, no Consello da Campus, Antonia Blanco informou aos decanos e decanas das facultades así como aos representantes do Persoal Docente Investigador (PDI) e do Persoal Administrativo e Servizos (PAS) do remate, nos vindeiros días, das obras de mellora das beirarrúas no campus da Xunqueira. A empresa concesionaria rematará próximamente estas tarefas que se están a realizar nos arredores da facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia así como o espazo no que se atopa a Escola Infantil do campus. Con anterioridade xa se realizaron outras melloras en zonas verdes e aparcadoiros.