DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Servizo de Deportes organiza xunto á Escola Prado Surf Club tres viaxes á neve

Do campus a portos de alta montaña para practicar esquí e snowboard

Os interesados pasarán uns días en San Isidro ou Grandvalira con desprazamento, aloxamento e comidas

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 11/01/2013
Noemí Rey | Vigo
Fin de semana branco na Universidade de Vigo, aínda que non porque non haxa clase: alumnado, PAS e PDI poderán cambiar o campus polos esquís ou as táboas de snowboard grazas á Escola Prado Surf Club que, en colaboración co Servizo de Deportes da Universidade de Vigo, organiza tres viaxes á neve con prazas reservadas para a comunidade universitaria. Nesta ocasión os destinos serán as estacións de esquí San Isidro (León) e Grandvalira (Andorra), para os que os interesados xa se poden inscribir no Servizo de Deportes de cada campus ou a través de correo electrónico. Os prezos, desde 196 euros o paquete básico sen material nin clases ou dende 237 euros con viaxe, clases, materiais e pensión completa para aqueles que queiran practicar esquí e 249 euros para os que prefiran o snowboard.

As dúas primeiras excursións faranse á estación de esquí de San Isidro. Serán do 25 ao 27 de xaneiro, para a que o prazo de inscrición remata o próximo 18 de xaneiro, e do 22 ao 24 de febreiro, para o que a data de reserva amplíase ata o 15 de febreiro. Pola súa banda, a última viaxe, que será á estación andorrana de Granvalira, durará unha semana, entre o 24 e o 30 de marzo. Esta saída, que pecha o período de inscrición o vindeiro 7 de marzo, contará ademais con tres excursións organizadas á capital de Andorra, ao balneario de Caldea e ao Palau de Gel.

Esta colaboración entre Prado Surf Club e a Universidade de Vigo, que cumpre agora tres anos, xurdiu tras “a alta demanda por parte da comunidade universitaria da práctica de este tipo de experiencias”, segundo destacan dende o Servizo de Deportes. E a participación “crece ano a ano. Trátase dunha viaxe moi versátil, con moitas posibilidades, xa que podes facer esquí ou snowboard, alugar material ou levalo, dar clases ou non… e sempre con todas as garantías”, salientan. A recomendación, que non esquezas meter na maleta pantalón, cazadora, luvas impermeables, gorro, medias grosas e longas, braga ou bufanda, polar, lentes de sol e crema, xa que a neve reflicte ata un 90% da radiación ultravioleta.

Prezos e condicións das saídas

As saídas de fin de semana a León oscilarán entre os 196 euros dun paquete básico se material nin clases ata os 249 euros do pack completo de snowboard. A viaxe inclúe o desprazamento en autobús dende os campus de Vigo (16 h) e Ourense (17 h), aloxamento a pé de pista en apartamentos de catro a seis persoas, pensión completa (almorzo, xantar e cea), forfait de acceso ás pistas e, segundo se solicite, clases de esquí ou snowboard e aluguer de material. A volta será a partir das 17 h do domingo, con hora prevista de chegadas ás 22 h a Ourense e ás 23 h a Vigo.

A viaxe que “mellor funciona é a longa, a de sete días, que coincide con Semana Santa”. O prezo do paquete completo para Grandvalira é de 495 euros para o esquí e de 526 euros para o snowboard, aínda que hai tarifas especiais para aqueles que leven o seu propio material ou non queiran recibir clases. Ademais haberá que pagar un suplemento para as excursións a Caldea e o Palau de gel. Nas mesmas condicións que a viaxe a San Isidro, o aloxamento será no Hotel Somriu Chat, en Pas de la Casa, o mellor sector da estación, que dispón de 210 quilómetros de pistas. A saída, o 24 de marzo ás 00 h dende Vigo e ás 01 h dende Ourense; a chegada, o día 30 ás 08 h a Ourense e ás 09 h a Vigo.

Ingreso de reserva

Para reservar praza para calquera das viaxes haberá que dar unha sinal (100 euros para San Isidro, 150 para Grandvalira) indicando lugar e data elixida e entregar o xustificante no Servizo de Deportes de calquera dos tres campus ou envialo por correo electrónico xunto co formulario colgado na web a deportes@uvigo.es. Unha vez feito a organización porase en contacto cos interesados para confirmar a praza e ultimar os detalles da viaxe. En caso de que non houbera neve a saída aprazaríase, dando a opción aos participantes de manter a praza ou de recuperar os cartos.