DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fisioterapia e CC da Educación e do Deporte organizan actividades para impulsar a adaptación ao EEES

O campus potencia o traballo en equipo a través das TIC

Aplicacións como Dropbox ou Teamviewer vólvense imprescindibles nunha contorna de cooperación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 16/11/2011

Se o futuro da ensinanza universitaria pasa por crear un ambiente de colaboración entre todos os implicados na xestión da docencia e da investigación, a implantación de programas de actividades que potencien esta dinámica resulta fundamental. Con este obxectivo, as Facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e de Fisioterapia do campus de Pontevedra organizan cadanseu ciclo de conferencias para fomentar o traballo en equipo. Dende este mércores os dous centros acollen relatorios e obradoiros nos que toda a comunidade universitaria poderá coñecer, da man de expertos, ferramentas das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), como Dropbox ou Google Plus, para contribuír á innovación educativa do campus e completar a adaptación ao EEES.

Unha contorna de cooperación na formación de futuros educadores

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da man da profesora Mari Lires organizan o ciclo de conferencias Deseño e avaliación de proxectos destinados ás etapas educativas de Infantil e Primaria nunha contorna cooperativa e blended-learning, definido “como o uso de estratexias de aprendizaxe cooperativa semipresencial”. Este proxecto pretende implantar unha acción de innovación educativa na docencia da facultade, desenvolvendo competencias profesionais docentes no estudantado dos Graos en Educación e “relacionándoas ao mesmo tempo coa adquisición de habilidades que terán que trasladar aos seus futuros alumnos”. Tamén se potenciará a integración das TIC nos proxectos docentes; exploraranse as posibilidades que ofrece a Plataforma TEMA como ferramenta para a cooperación e fomentarase o emprego de instrumentos de autoavaliación e avaliación conxunta.

O ciclo de actividades comeza este mércores coa intervención de Azucena Arias, profesora de Didáctica de Ciencias Experimentais da Universidade de Vigo que impartirá o relatorio Iniciación ao traballo por proxectos nas ciencias experimentais. Continuará a vindeira semana coa celebración do obradoiro Fabricación de xabón: un proxecto de xestión de recursos autosuficiente e sostible, impartido por Marisé Pérez Mariño, experta en formación de profesorado e ex directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia. O programa completarase coa conferencia de Xabier Álvarez, profesor de Psicoloxía da Universidade de Vigo titulada O traballo por proxectos: relación entre as competencias profesionais docentes dos estudos de Grao e as competencias básicas das etapas educativas obrigatorias e co peche de Azucena Arias, que reflexionará sobre a avaliación dun proxecto para as aulas de Educación Primaria.

Compartir ficheiros

Pola súa banda, a Facultade de Fisioterapia organiza un ciclo de conferencias máis centrado na promoción de programas informáticos que obter en internet de forma gratuíta para facilitar o desenvolvemento de proxectos conxuntos, “unha dinámica que resulta imprescindible no marco do EEES”, explica Manuel Gutiérrez, decano do centro. Así, o alumnado do campus poderá afondar nas TIC educativas da man do experto Javier Baron López, profesor da Universidad de Málaga, que durante o xoves e o venres desta semana falará sobre as posibilidades que Google Plus, Teamviewer e Dropbox ofrecen para facilitar o traballo en equipo de estudantado, docentes e investigadores.

Neste ciclo formativo tamén hai espazo para a cultura e o entretemento, pois os organizadores incluíron a actuación de Alfonso Rivera, profesor da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia, que protragonizará este venres na Aula Magna do centro unha conferencia-espectáculo titulada El Cuerpo Poético. Abordará a historia do teatro xestual facendo un percorrido polas distintas correntes teatrais que recorreron ao corpo como linguaxe fundamental de expresión, dende a antiga Grecia ata os grandes mestres do século XX. O relatorio intercalará explicacións teóricas con unha serie de escenas representativas dos distintos estilos interpretativos.