DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A festa está organizada pola Asociación de Estudantes da Facultade de Ciencias ECOUS

O campus prepárase para a chegada de Don Carnal cun 'preentroido'

Será o xoves 9 de febreiro, ás 17.00 h, entre o Edificio de Ferro e o Politécnico

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 08/02/2012

Unha das festas que se viven máis intensamente e que se agardan con máis gañas na provincia de Ourense é sen lugar a dúbidas o Entroido. Cando queda unha semana para comezar coa súa celebración oficialmente, os estudantes da Facultade de Ciencias do campus ourensán queren ir quecendo motores para a cita celebrando este xoves unha festa de 'preentroido' á que están convidados a asistir todos os membros da comunidade universitaria que o desexen. Haberá concurso de disfraces, música en director a cargo de diferentes grupo, comida, bebida e moitas gañas de pasalo ben e de ir póndose a punto para o Entroido 2012.

A festa 'preentroiro' está organizada pola Asociación de Estudantes da Facultade de Ciencias ECOUS, que desde a súa creación o pasado mes de outubro traballa co obxectivo de contribuír á dinamización da vida académica e de ocio neste centro e no campus de Ourense en xeral. “En novembro celebramos un magosto e tivo moito éxito, quedamos moi satisfeitos en como se desenvolveu todo e na asistencia de público. Por este motivo animámonos agora a organizar unha festa relacionada con Entroido, outra das grandes celebracións ourensás”, explica en nome da asociación María Benavides.

Programa musical

O programa da festa, que arrincará ás 17.00 horas nos exteriores que separan o Edificio Politécnico e o de Ferro, contará cun concurso de disfraces entre os asistentes e coas actuacións en directo dos grupos musicais Alter Ego, La banda anónima que dominará el mundo e un terceiro grupo de rap aínda por confirmar. Para amenizar a festa e como en todo bo Entroido haberá comida e bebida e moitas gañas de divertirse e pasalo ben.

“O Entroido está á volta da esquina e está claro que non se pode desperdiciar esta oportunidade de prepararse para unha celebración tan importante no noso calendario”, salienta Benavides. Por este motivo, desde ECOUS animan a todos os membros da comunidade universitaria de Ourense a que este xoves pola tarde se acheguen á súa festa 'preentroido' a gozar da música e sobre todo do bo ambiente.