DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Concerto de Primavera que tivo lugar na praza da Ferraría

O campus proxecta na cidade a súa aposta pola música tradicional

Protagonizado polos Melidaos e o alumnado da aula permanente

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 25/03/2022

A aposta da Vicerreitoría do campus de Pontevedra por impulsar a música tradicional trasladouse na tarde deste xoves ata a praza da Ferraría, escenario do II Concerto de Primavera do campus, que tivo como protagonistas ao grupo Os Melidaos e ao alumnado da Aula Permanente de Música Tradicional Galega. Xurdida en 2017, no marco da programación cultural da Vicerreitoría, esta aula deu lugar á creación dun grupo de musica tradicional con diferentes formatos que nesta actuación, promovida coa colaboración da Concellaría de Promoción Económica e Universidades, acompañou aos Melidaos na interpretación de tres pezas. 

En primeiro termo, os 12 integrantes do grupo de acordeóns e ocarinas da aula e o seu docente, o músico Suso Vaamonde, sumáronse ao grupo para interpretar a Foliada do Amoeiro. Parte destes alumnos e alumnas retornaron ao escenario, xunto cos e as integrantes do grupo de gaitas e percusión, no peche do concerto, no que puxeron son ao Pasodobre de San Roque. Pouco despois, o grupo de música tradicional do campus e Os Melidaos volveron subir o escenario para despedirse cun bis no que interpretaron conxuntamente Festa na Codeseira, peza que dá título ao penúltimo disco da formación nacida en Melide en 2001. Esta gravación, xunto co seu disco máis recente, Tribo Nosa (2019) protagonizaron en boa medida o repertorio que este grupo levou ao escenario da Ferraría, onde tamén presentaron algunhas das novas propostas que teñen preparadas para o seu próximo disco.

Novas actuacións en xuño

Impulsada no ano 2017 con Vaamonde como docente, un total de 38 persoas inícianse ou perfeccionan o seu dominio de diferentes instrumentos populares nesta aula permanente, aberta á participación de toda a cidadanía e que cubriu todas as prazas dispoñibles. Un dos obxectivos cos que esta iniciativa afrontaba o presente curso era o de consolidar un grupo de música tradicional e amosar os resultados desta actividade formativa na cidade. De feito, tras o concerto deste xoves, está previsto que a aula protagonice unha serie de concertos en Pontevedra no mes de xuño. Concretamente, prevese que nas tardes dos luns 6, 13, 20 e 27, leve a cabo unha serie de actuacións en diferentes prazas da cidade.

Por outra banda e ligado tamén á música tradicional galega, a a sede da Vicerreitoría acollerá o vindeiro luns 28 de marzo a presentación do libro O toque pechado, do gateiro Pablo Seoane. Nunha actividade programada tamén para as 19.30 horas e aberta ao público ata completar aforo, este músico dará a coñecer unha publicación na que reúne unha escolma de exercicios específicos para tocar pechado, así como máis dun centenar de partituras tradicionais.