DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A segunda etapa sairá e rematará na zona universitaria

O campus, punto de encontro no 6º Rally Ourense-Ribeira Sacra

O parque de traballo e a dirección da carreira estarán situados arredor do Pavillón de Deportes

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
DUVI 21/09/2017

A gran cita deportiva desta fin de semana en Ourense será a celebración da sexta edición do Rally Ourense-Ribeira Sacra, que se desenvolverá os días 22, 23 e 24 de setembro. Nel, o campus de Ourense está chamado a ser o punto de encontro. A segunda etapa comezará e rematará na zona universitaria, na que tamén se instalará o parque pechado e o parque de traballo dos participantes e a dirección da carreira. Con esta colaboración, a Universidade súmase a unha proba que alén do seu valor deportivo quere contribuír a valorizar e dar a coñecer a Ribeira Sacra.

A competición, que conta con 148 participantes inscritos, foi presentada este xoves na cidade de Ourense por Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial; Mario Guede, concelleiro de Deportes; Iván Corral, presidente da Federación Galega de Automobilismo; César Parente, alcalde de Nogueira de Ramuín; Roberto Soto, presidente da Escudaría Luintra, e Kristo Kraag, coordinador do equipo MM-Motor Sport Estonia. "Esta proba automobilística, que atrae a pilotos e a escudarías de primeiro nivel, supón un importante evento para promocionar turismo e deporte na nosa provincia e para poñer en valor a gran capacidade organizativa que temos en Ourense", destacou Manuel Baltar durante o acto de presentación.

Ademais de Alberto Meira, Victor Senra e Iago Caamaño, que loitarán pola vitoria e polo campionato autonómico, tamén participará na cita o equipo de Tomi Makinen Racing, cos pilotos Hiroki Arai e Takamoto Katsuta. O percorrido, sinalan desde a organización, consta de 386 quilómetros, correspondendo 96 quilómetros a nove tramos cronometrados por estradas asfaltadas nos concellos de Ourense, Maceda e Nogueira de Ramuín. A saída da segunda etapa terá lugar ás 8.00 h no campus universitario, onde rematará o rally a partir das 21.15 e se entregarán os galardóns aos gañadores.