DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado por alumnos de Ciencias da Actividade Física e do Deporte

O campus púxose en forma cun Trimaratón de fútbol, baloncesto e balonmán

8 equipos competiron no Pavillón Universitario durante 12 horas seguidas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Ana Terceiro DUVI 23/05/2008

Sen forzas e totalmente esgotados remataron os membros dos oito equipos que participaron no III Trimaratón de fútbol, baloncesto e balonmán que durante doce horas seguidas tivo lugar no Pavillón Universitario do campus pontevedrés. Organizado por alumnos de terceiro curso da licenciatura de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, a iniciativa tiña como obxectivo a recadación de fondos para a súa viaxe fin de carreira que, segundo comentou unha das organizadoras, Rebeca González, “a intención é poder ir á Riviera Maya entre a última semana de setembro e a primeira de outubro”, explicou a estudante.
Na actividade competiron oito grupos con 12 membros cada un, establecéndose dúas liguillas para determinar aos semifinalistas que a primeira hora da mañá deste venres, 23 de maio, xogaron o partido final. O vencedor desta terceira edición do Trimaratón foi o equipo denominado Xesús e os once apóstolos, que tras enfrontarse durante 45 longos minutos co grupo Lento polo aire, foi declarado gañador do torneo.

12 horas de competicións

Na competición os participantes enfrontaranse aos seus rivais nas tres modalidades deportivas durante 10 minutos para cada unha. Deste xeito, desde as dez da noite do xoves ata as dez da mañá deste venres, o Pavillón Universitario acolleu un xogo tras outro no que se ían eliminando e clasificando os correspondentes equipos ata determinar ao gañador.
Xunto aos finalistas, os seis grupos restantes foron: Biblio Team, Come Boinas, The Fingers, Los Palotes, No somos nadie e Manzanillos, que aínda que non puideron chegar ao final, amosaron a súa satisfacción co traballo realizado.

Obxectivo: Riviera Maya

Ademais dos fondos recadados coas inscricións que os equipos pagaron para participar no Trimaratón, os alumnos de terceiro de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, instalaron no Pavillón Universitario postos de comida e bebida para ofrecer ao público asistente.
Por outra banda e para facer a xornada máis amena, un futbolín de moedas foi a gran distracción da noite, xunto cunha Play Station (nesta ocasión se podía xogar de balde) para loitar contra o sono. Con todas estas actividades e outras que farán os estudantes antes de rematar o curso, esperan poder reunir os suficientes cartos para pagar a tan esperada excursión fin de carreira á Riviera Maya.