DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os vindeiros 12 e 13 de maio na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

O campus quenta motores de cara ao 17 de maio con "Resaca das Letras"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 05/05/2009

Paga a pena festexar e promover calquera actividade que teña como obxectivo o recoñecemento das letras galegas e o campus xa prepara a súa. Os vindeiros 12 e 13 de maio poñerase en marcha Resaca das Letras 2009. Conferencias, mesas redondas e un feixe de concursos integran a promoción desta actividade impulsada por un grupo de estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, liderados polos profesores Benigno Fernández e Teresa Bermúdez, e que conta co apoio da Vicerreitoría e do propio centro para a súa organización.
Resaca das Letras xa foi un éxito na súa primeira edición, “que contou coa presenza de Teté Delgado, Sergio Pazos e Xosé Ramón Gayoso nun show”, recorda Fernández. No seu quinto ano, e ao contrario que nos anteriores “nos que acababamos realizando as actividades despois do día 17”, a iniciativa servirá para quentar motores de cara á festividade autonómica, que este ano estará dedicada a Ramón Piñeiro. Desta vez, a Academia de Resaca traerá ao campus a María Yañez, xornalista con experiencia en medios electrónicos, audiovisual e integrante de A navalla suiza, que pronunciará un relatorio. Trala súa intervención establecerase una mesa redonda, moderada por Manuel Gago, director de culturagalega.org, baixo o título Por diante dos tempos: evolución e tendencia no uso da Internet en galego, na que intervirán Roi Barreira, da Radio Televisión de Galicia, Anxos Fonte, autora do blog Nubosidade variábel e Paz Orois, da revista Ollo crítico. Para rematar a xornada, Xosé Henrique Costas, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade, explicará as campañas que a institución está a levar a cabo neste eido.

Catro premios

Segundo indica Benigno Fernández, os premios ás mellores webs en galego estiveron presentes en todas as edicións de Resaca das Letras e reflexan a vitalidade e diversidade da nosa lingua na Internet e Vieiros foi o portal galardoado na primeira edición. Agora a organización estableceu diferentes categorías (institucional; empresarial e corporativa; informativa, premio que na pasada edición recibiu o Duvi; cultural, musical, blog e literaria e axencia publicitarias) nas que a partir de hoxe os internautas xa poden votar a súa favorita. As páxinas gañadoras recibirán a acreditación característica do certame na gala que se celebrará o día 13. O período de votación pecharase o vindeiro día 10 ás 12.00 p.m.
Desta vez, Resaca engade novas convocatorias coas que “premiar o traballo dos alumnos da facultade e de todo o campus”, explica Fernández. Así establece un concurso de cartaces publicitarios, creación audiovisual e traballo de curso. No caso dos dous primeiros, a temática das propostas é libre sempre que empreguen o galego como lingua principal de comunicación. En categoría audiovisual as pezas poderán ser presentadas nun único formato (.wmv) de non máis de 15 minutos; para os cartaces, que, como no caso dos vídeos cada participante poderá presentar un máximo de tres, o formato de presentación deberá ser A3 en tiff. Os premios ascenden a 100 euros no caso do cartaz e 300 para a creación audiovisual.
No caso dos traballos de curso, os estudantes poderán presentar textos para calquera das tres categorías (comunicación, publicidade e xestión pública) de carácter individual ou colectivo que fosen presentadas como “traballos de curso”. A dotación económica para os premiados será de 100 euros por traballo premiado en cada categoría.

Gonzo presentará a Gala

O xurado que valorará as propostas estará integrado polos convidados da Resaca das Letras 2009: Manuel Gago, Roi Barreira, Anxos Fonte, Paz Orois, María Yánez e Gonzo. Os galardóns serán entregados o día 13 de maio nunha gala que se celebrará no salón de actos da facultade e que estará conducida por Gonzo, xornalista galego coñecido polo seu labor de reporteiro do programa Caiga Quien Caiga. O acto estará animado polas actuacións musicais de The Noisers e MLK e contará coa lección maxistral de Miguel Conde, presidente executivo da axencia BAP&Conde.

As bases completas da convocatoria poden consultarse na web da Vicerreitoría.