DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un ciclo de cine abre a vindeira semana a programación da Vicerreitoría para o primeiro cuadrimestre

O campus recibe o outono con filmes, exposicións e música

Pontevedra será o 4 de decembro o escenario da Gala do Deporte da Universidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 24/09/2014

Xa estamos oficialmente no outono e con el chegan tamén as novas propostas, culturais e formativas, que a Vicerreitoría do campus de Pontevedra desprega cada ano nos primeiros meses do curso. Un ciclo de cinema centrado na idea da manipulación, dúas novas exposicións na Sala X, un concerto que mestura a música tradicional e a clásica conforman, xunto cos cursos da Aula Tecnolóxica, o abano de propostas para toda a cidadanía coas que a Área de Extensión Cultural recibe o outono co obxectivo de “darlle un pulo ás relacións da Universidade coa súa contorna”, como sinala o seu responsable, Manuel Morquecho.

“Todas elas son actividades gratuítas, abertas a todo o mundo ata completar aforo”, sinala o responsable de Extensión Cultural, que explica que na programación de outono da Vicerreitoría combínase unha aposta por “dar continuidade a aquelas propostas que se viñan facendo nos últimos anos”, coa vontade de “potenciar os vínculos da Universidade cos diferentes colectivos da cidade que están a desenvolver actividades con xente nova”. Así mesmo, ás propostas culturais e aos catro obradoiros que entre outubro e decembro acolle a Aula Tecnolóxica da Casa das Campás, súmase o feito de que Pontevedra será neste 2014 o escenario da Gala do Deporte da Universidade de Vigo, que se desenvolverá lugar o 4 de decembro ás 20.00 horas no Teatro Principal, e que, segundo adiantou Morquecho, será presentada polo xornalista Xabier Fortes.

As múltiples facianas da manipulación no cinema

No marco desa aposta por darlle continuidade a actividades que xa se converteron en clásicos desta programación, sitúase o ciclo de cine Quen move os fíos?, que o vindeiro venres 3 de outubro porá arranque, coa proxección do filme Cidadán Bob Roberts, á programación de outono da Área de Extensión Cultural na Casa das Campás. A proxección de oito películas e tres relatorios integran o programa dunha iniciativa que se desenvolverá, ata o 12 de decembro, todos os venres ás 19.30 horas e que trata de amosar como a idea da manipulación “é un concepto intrínseco ao cine”, como sinala o coordinador do ciclo, Suso Novás.

Ofrecer unha ampla visión dos múltiples significados que o verbo manipular pode ter no mundo da sétima arte é o obxectivo dun ciclo que abordará como reflectiu o cine “a idea da manipulación máis vinculada á ideoloxía e a conspiración política”, pero que tamén porá o foco naqueles filmes documentais e de propaganda “que o que pretenden é convencer ao espectador de que o que están a ver é unha verdade case que incuestionable”, sinala Novás. Haberá espazo ademais para analizar este mesmo concepto “desde o punto de vista do relato, de como un realizador artella toda a estrutura narrativa e dramática para que que a lectura empática do espectador estea totalmente dirixida”, e, ao mesmo tempo, para abordar aqueles filmes nos que “os personaxes fan a función de articuladores de tramas, intentando convencer aos outros personaxes e tamén ao público”. Así mesmo, tamén haberá espazo en Quen move os fíos? para afondar na idea da “manipulación física do celuloide” ou para tratar como un director de cine “manipula cada un dos recursos que engloban a creación dun filme para obter un produto determinado”, explica Novás.

Trala primeira proxección, o ciclo continuará o 10 de outubro cun relatorio do crítico cinematográfico Xaime Pena. Sete días despois, acollerá a proxección de O estrano amoar de Martha Ivers, e sete días despois proxectarase Náufragos, de Alfred Hitchcock. Para o 31 de outubro foi programada unha conferencia do cineasta e investigador Alberte Pagán, trala que terán lugar, os días 7, 14 e 21 de novembro, as proxeccións de A herdeira, Morte entre as flores e O gran McGinty. Un relatorio de Suso Novás, o 28 dese mesmo mes, e as películas Plumas de cabalo e A canella das almas perdidas, os días 5 e 12 de decembro, porán peche a este ciclo.

O outono tamén é tempo para a música e a arte

A mestura de música clásica e tradicional que realizan a pianista Andrea García e o gaiteiro Felipe Rea, os integrantes do dúo Quodlibet, chegará o xoves 23 á Casa das Campás, onde, a partires das 20.30 horas, ofrecerán un concerto que contará cunha “innovadora posta en escena e cunha chea de connotación históricas sobre a gaita galega”, como sinala Morquecho.

Por outra banda, na programación de outono da Vicerreitoría tamén destacan as novas exposicións da Sala X, que o vindeiro xoves 9 de outubro celebrará a inauguración de Transcursos #2, unha mostra dedicada a “coñecer as obras de dous artistas formados na Facultade de Belas Artes que contan cunha destacada traxectoria profesional”. Concretamente, este espazo expositivo acollerá os traballos de Carlos Nieto e Álvaro Negro, dous alumnos que vincularon a súa traxectoria profesional ao mundo do vídeo e a pintura. Esta mostra, explica Morquecho, poderá contemplarse na Sala X ata o 21 de novembro e, uns días despois, será substituída por Asakusa Portraits, “unha mostra moi interesante do fotógrafo xaponés Hiroh Kikai, que actualmente pode verse en Madrid, e que permanecerá no campus entre o 27 de novembro e o 29 de xaneiro.