DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada de benvida celebrada no pavillón de deportes

O campus recibe o seu alumnado de novo ingreso

Asistiron máis de 600 estudantes, principalmente de grao

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Institucional
DUVI Ourense 06/09/2023

Ao igual que aconteceu onte no campus de Pontevedra, a Universidade de Vigo deu este mércores a benvida ao alumnado de novo ingreso que este curso académico estudará nas facultades e escolas do campus de Ourense. Máis de 600 estudantes achegáronse ao longo da mañá ao pavillón de deportes para, na zona expositiva habilitada, coñecer os diferentes servizos e instalacións que teñen á súa disposición para o mellor desenvolvemento da súa vida académica.

Estas xornadas, explicou Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade da UVigo, “son unhas xornadas de benvida para o alumnado de novo ingreso, principalmente de grao, pero ás que tamén están convocados os de mestrado e doutoramento”. O seu obxectivo, indicou, é que o estudantado coñezan de primeira man, e de modo conxunto, dunha soa vez, todo o que lles ofrece a Universidade de Vigo. Con elas compleméntanse os actos de benvida que cada escola e facultade celebra estes días para o seu alumnado de primeiro curso e que están máis enfocados a temas docentes, como horarios ou plans de estudo.

“Comezamos o curso 2023/2024 cunhas expectativas académicas e de investigación extraordinarias”, comentou na xornada Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, referíndose aos “excelentes datos de ocupación en case todas as nosas titulacións” que, indicou, “na maioría dos casos supera o 100%”. O responsable académico recalcou a excelente acollida da xornada celebrada este mércores e como o alumnado de novo ingreso arranca o curso académico “con moitísima ilusión, ao igual que o profesorado”. Entre as novidades académicas, no caso do campus de Ourense destaca a posta en marcha este curso do Mestrado Universitario en Enxeñaría Aeronáutica, na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. O título, único no Sistema Universitario de Galicia, é un título oficial que habilita para exercer a profesión de enxeñeira ou enxeñeiro aeronáutico.

Información de utilidade

Na xornada celebrada no pavillón de deportes e no marco dun ambiente lúdico no que non faltou a música, as e os novos estudantes do campus de Ourense puideron obter información xeral útil para a súa vida académica e tamén información específica de todo tipo de cuestións, como transporte e aloxamento; voluntariado e asociacionismo; bolsas e axudas; formación permanente e de posgrao; biblioteca; mobilidade estudantil; idiomas; normalización lingüística; emprego e emprendemento; cultura e extensión universitaria; benestar, saúde e deporte; atención á diversidade e igualdade. Tamén puideron coñecer diferentes delegacións e asociacións de estudantes, entre outros moitos aspectos.

Entre o alumnado que desde primeira hora se achegou á xornada estiveron Paula López, Nacho López e Sara Picalló, tres amigos de Sarria, na provincia de Lugo, que comezan agora a estudar no campus de Ourense, elas o Grao de Educación Social, na Facultade de Educación e Traballo Social, e el Intelixencia Artificial, na Escola Superior de Enxeñaría Informática. Coa expectativa de que “o curso vaia moi ben desde o principio”, os tres coincidiron en destacar as primeiras boas impresións que teñen do campus pois, sinalaron, “parécenos moi bonito e agradable”. Apuntando que arrancan a súa vida universitaria “con moitas gañas aínda que tamén con algo de incerteza”, salientaron como esta xornada lles permitiu “coñecer cousas moi interesantes” rodeados dun “ambiente moi bo e xente moi agradable”.

As xornadas de benvida na UVigo continuarán este xoves no pavillón do campus de Vigo e xa o venres terá lugar, neste caso na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do mesmo campus, o acto solemne de apertura do curso académico 2023/2024 das universidades galegas.