DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A campaña está aberta a toda a comunidade universitaria e a cidadanía en xeral

O campus recolle libros infantís para o Complexo Hospitalario e ONGs

Pódense deixar ao pé da árbore de Nadal do Edificio Politécnico

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 20/12/2010
Se hai alguén que goza coas festas de Nadal eses son os máis pequenos da casa. Entre as vacacións escolares, Papá Noel e os Reis Magos estas datas son especialmente felices para eles. Aínda que esta é a norma xeral, hai nenos que polas circunstancias económicas familiares ou por outro tipo de situacións, como estar no hospital, teñen máis difícil vivir estas festas como desexarían. Pensando en eles, a Facultade de Ciencias e a Escola Superior de Enxeñaría Informática puxeron en marcha no campus de Ourense unha campaña de recollida de libros infantís que teñen previsto entregar á sección de pediatría do Complexo Hospitalario de Ourense e a diversas ONGs.

Calquera membro da comunidade universitaria ou calquera ourensán que desexe participar nesta campaña pódese achegar ata o Edificio Politécnico e na entrada atopará unha árbore de Nadal ao pé da cal pode depositar os libros infantís que desexe. O único requirimento, que veñan envoltos en papel de regalo e que fóra se especifique a idade para a que está destinada. Pedro Araújo, decano da Facultade de Ciencias entre cuxo profesorado naceu a iniciativa, salienta que se optou pola recollida de libros e non doutro tipo de material porque ao tratarse dun campus universitario “aproveitamos a ocasión para fomentar a lectura e a aprendizaxe entre os máis pequenos”.

Ata o 4 de xaneiro

A recollida de libros está aberta ata o día 4 de xaneiro. Despois os organizadores da iniciativa repartirán os libros entre o Complexo Hospitalario de Ourense e varias ONGs. En caso de que o volume de libros recollido sexa alto existe a posibilidade de facer un primeiro reparto o día de Nadal, tendo en conta que cada vez son máis os rapaces que agardan o seu agasallo coa chegada de Papá Noel.

Con esta iniciativa, o campus únese ás campañas de solidariedade que diferente tipo de entidades organizan durante o Nadal co gallo de facer máis felices estas festas para diversos colectivos, neste caso tendo especialmente en conta aos máis pequenos. Dado que a Universidade é un lugar para o coñecemento, que mellor formato que o dos libros. Por iso os organizadores animan a estudantes, profesores e persoal da Universidade a que poña o seu gran de area deixando libros infantís ao pé da árbore de Nadal do Edificio Politécnico.