DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a auditoría de sostibilidade realizada pola Área de Planificación

O campus reduce nun 5,2% o consumo de combustibles fósiles en só tres anos

O informe valora actuacións feitas en eficiencia enerxética, accesibilidade, contaminación acústica

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Esmeralda L. Castro DUVI 22/03/2010
Na procura da eficiencia enerxética e do uso de enerxías renovables, o campus de Pontevedra conseguiu reducir nun 5,2% o consumo de combustibles fósiles e nun 5,4% o de enerxía eléctrica desde o ano 2007. A Facultade de CC SS e da Comunicación e a EU de Fisioterapia son as que rexistran unha baixada maior do consumo de combustible nun 19,3% e un 34%, respectivamente. Pola contra, Belas Artes e a EUET Forestal son os únicos edificios do campus que aumentan o consumo, nun 9,8% o primeiro e nun 24% o segundo. No caso da electricidade, son CC SS e da Comunicación e a EUET Forestal as que tiveron unha mingua maior do 17% e do 14%, respectivamente. Neste caso só sobe o consumo en CC da Educación e do Deporte, nun 3,2%, e no Pavillón Universitario, nun 4,5%. Así se reflicte na auditoría do campus a efectos de sostibilidade que vén de realizar a Área de Planificación e que valora tamén as actuacións feitas en materia de mobilidade, accesibilidade, contaminación acústica e xestión de residuos con melloras en todos estes aspectos.
Foron varias as actuacións que se levaron adiante para reducir os consumos enerxéticos e que se centraron na introdución das enerxías renovables e nun control continuo das instalacións, como indica Alejandro Martínez, aparellador da Área de Planificación e un dos autores do informe. “O primeiro que fixemos foi localizar as instalacións que máis consumían para incidir nelas co obxectivo de baixalas", explica Martínez, para o que se realizou un seguimento tanto do rendemento das instalacións como dos consumos en cada un dos edificios do campus, co obxectivo de ter unha visión global e rápida da súa situación enerxética.

Redución do consumo mantendo os servizos

A eficiencia enerxética defínese como a redución do consumo de enerxía mantendo os mesmos servizos, sen reducir o confort e a calidade, protexendo o medio ambiente e fomentando un comportamento responsable e sostible do seu uso. Con estes obxectivo estase facendo no campus unha aposta polas enerxías renovables e na auditoría que se vén de realizar sublíñanse tres actuacións que permitiron reducir o consumo enerxético. A primeira delas foi a instalación dun sistema de ventilación con recuperadores de calor na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, un sistema para o que se empregou un orzamento de 40.000 € e que conecta as aulas coa galería, permitindo renovar o aire cun sistema eficiente. “En verán o aire procede do exterior e non se recupera o calor e en inverno a galería quenta o aire e recupérase o calor das aulas”, explica o aparellador sobre o sistema que en días despexados de inverno e temperaturas exteriores de 10ºC consigue unha temperatura nas aulas de 20ºC grazas á achega da galería.
Neste mesmo centro instaláronse colectores solares cun custe de 25.000 € e cos que, segundo o informe, xa se evitaron emitir a atmosfera 9,61 toneladas de CO2. Por último, no Pavillón Universitario colocáronse paneis solares térmicos, que cobren practicamente a totalidade da demanda de auga quente sanitaria do edificio. Neste caso a inversión ascendeu a 29.000€.
Como iniciativa a curto e medio prazo, prevese a introdución da enerxía renovable restante, a fotovoltaica, para a que xa existe unha partida orzamentaria a executar este ano por valor de 100.000 €. Segundo Martínez, están xa analizando varias parcelas para a súa colocación.
Entre os retos de futuro neste eido, o aparellador considera fundamental seguir controlando os consumos en todos os edificios e deseñar intervencións para continuar minguándoos, como poden ser cambios de cubertas, illamentos máis eficientes ou o uso de vidros intelixentes.

A nova gardería, exemplo de futuro

Alejandro Martínez, que a semana pasada falou de construcións enerxeticamente pasivas na feira Sico do Ifevi, afirma que o obxectivo é aplicar eses criterios no campus, priorizando o deseño, a boa orientación e a eficiencia das envolventes, co que se consegue reducir ata tres veces o consumo fronte ás técnicas construtivas e instalacións enerxéticas convencionais. Neste sentido cita como exemplo do camiño a seguir no futuro o proxecto da escola infantil, “xa en execución e coa estrutura practicamente rematada e que é o primeiro edificio da Universidade de Vigo que obtivo a etiqueta A de alta cualificación enerxética”. Este edificio pretende ser 100% sostible, para o que empregará como fonte de enerxía para a calefacción e a auga quente sanitaria (ACS) biomasa e enerxía solar para a ACS. Estes sistemas estarán conectados e cando o sol non sexa suficiente a caldeira de biomasa encenderase automáticamente para xerar ACS.
“O noso traballo encamíñase a conseguir un campus confortable e de benestar, para o que hai que traballar todos os aspectos conxuntamente”, explica Alejandro Martínez. Neste sentido valoran no seu informe mesmo a localización do campus. “Atópase nun lugar certamente privilexiado, nunha contorna de gran valor natural e paisaxístico, no tramo final do Lérez, que está declarado como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e incluído na Rede Natura 2000”, precisa Ángeles Miguéns, técnica da Área de Planificación e coautora da auditoría. Entenden como unha grande contribución para a calidade do campus a súa integración respectuosa nesta contorna, da que tamén é exemplo o edificio da nova gardería en fase de construción.

Accesibilidade e mobilidade

Como parte fundamental dese proxecto que busca facer o campus máis agradable, nos últimos anos executáronse unha serie de obras para mellorar e ampliar os accesos para as persoas con mobilidade reducida. “En CC Sociais habilitáronse prazas de aparcamento e ramplas, o mesmo que en Forestais, onde tamén se fixo unha rampla de acceso ao semisoto, e en Fisioterapia executouse unha rampla para o acceso de camillas e minusválidos”, enumera Miguéns. Segundo a auditoría, estas intervencións, cun investimento de 30.000 €, viñeron a completar os requirimentos precisos para que o campus cumpra coa lexislación vixente en materia de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
No relativo á mobilidade e ao transporte, os técnicos subliñan as boas condicións da Xunqueira para reducir o uso do automóbil debido á súa proximidade ao centro da cidade. “Os desprazamentos son curtos, cun máximo de 700 metros, o que, sumado á topografía, predominantemente chan, permite ir camiñando”, indica Miguéns, quen destaca tamén o uso cada vez maior da bicicleta, con varios aparcamentos para elas no campus e cunha estación municipal de préstamo gratuíto, o Pillabici.

Actuación en focos de contaminación acústica e xestión eficiente de residuos

Co obxectivo de reducir a contaminación acústica nalgúns centros durante o ano 2009 leváronse a cabo unha serie de reformas, cun investimento de 100.000 €. Destaca a realizada na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde se tratou acusticamente o sistema de ventilación para amortecer o ruído que xeraba. “Ademais -indica Alejandro Martínez- era preciso insonorizar determinados espazos, polo que se realizou o acondicionamento acústico de diversas salas na Facultade de Belas Artes e dos laboratorios de audiovisuais da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación”.
No tocante á xestión de residuos, Ángeles Miguéns sinala “o bo funcionamento no campus do sistema integrado da Oficina de Medioambiente (OMA) da Universidade”. A través des servizo xestionáronse no período 2007-08, 4.762 kg de residuos perigosos no campus; 458 unidades de material informático e 219,5 kg de consumibles de oficina.