DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa celebración da "Semana Europea 2010" na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

O campus reforza a súa aposta pola internacionalización abrindo as súas portas a Europa

Oito profesores de seis países diferentes imparten clase integramente en inglés

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 12/04/2010

A universidade é un centro para a formación do alumnado nas distintas ramas do coñecemento. Pero esta formación non se pode limitar só ás clases presenciais na aula senón que son necesarias tamén outras iniciativas que repercutan positivamente nos profesionais do futuro. Conscientes desta necesidade a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo vén de pór en marcha a Semana Europea 2010, unha iniciativa “pioneira na Universidade de Vigo” como subliñou a decana do centro, María Elisa Alén, que reúne no campus a oito profesores procedentes de seis países europeos: Alemaña, Finlandia, Letonia, Italia, Portugal e, por suposto, España. A actividade prolongarase ao longo de toda esta semana cun programa que inclúe non só a transmisión de contidos docentes integramente en inglés senón tamén seminarios de traballo e actividades culturais. María Elisa Alén afirmou no acto de presentación da iniciativa que a facultade que dirixe “é un centro dinámico que cre na internacionalización das nosas actividades”, unha liña argumental defendida tamén polo vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area que subliñou a aposta que está a levar adiante o centro pola internacionalización. No acto inaugural da iniciativa tomou a palabra tamén o profesor Gerhard Feldmeier, vicerreitor da universidade alemana de Bremenhaven, que amosou o seu apoio á actividade por repercutir moi positivamente na formación do alumnado.

Dende as finanzas ata a publicidade no turismo

Os oito docentes estranxeiros que visitan o campus co gallo da Semana Europea 2010 son, nas palabras de María Elisa Alén, “profesores de primeiro nivel nos seus respectivos campos de estudo”. Abordarán diferentes áreas temáticas que van dende a xestión estratéxica, cun relatorio sobre a Xestión da diversidade cultural en Europa a cargo de Gerhard Feldmeier, da Universidade alemana de Bremenhaven, ata as finanzas, cun relatorio sobre A política monetaria do Banco Central Europeo que impartirá o docente Leonhard Firlus, da Universidade alemana de Saarlandes. Haberá máis temáticas de interese para o alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, áreas de estudo vinculadas tamén ás materias que deben superar no curso académico. Entre elas está a administración de empresas con relatorios como o do profesor Teemu Laitinen, da universidade finlandesa de Laurea, que falará sobre Da idea de negocio ao plan de negocio e a publicidade no turismo, área temática na que hai que subliñar a intervención do profesor Kerstin Heuwinkel, da univesidade alemá de Saarlandes, que falará sobre o Marketing do Camiño de Santiago en Alemaña. Estas xornadas inclúen tamén a celebración de dous seminarios que teñen por obxectivo “o intercambio de experiencias, tanto docentes como investigadoras, para intentar xerar novas vías de colaboración entre as universidades”, segundo explicou o coordinador do evento, Ángel Barajas. O programa desta Semana Europea 2010 complétase cunha serie de actividades culturais entre as que figuran as visitas á Catedral de Ourense e ás termas de Outariz e excursións a Santiago de Compostela e a Allariz.

Á cabeza na internacionalización

Nos últimos anos a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo asinou convenios con 25 universidades de 12 países europeos e este ano 45 alumnos do centro solicitaron unha beca Erasmus. “Somos a facultade do campus que máis Erasmus envía”, afirmou a decana María Elisa Alén. O vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, pola súa banda, foi un pouco máis alá. Lembrou que nos últimos anos máis de 100 estudantes do centro se desprazaron a institucións académicas de todo o mundo, unha iniciativa de intercambio que permitiu recibir aquí a outros tantos estranxeiros. Iván Area asegurou que, na actualidade, a Universidade de Vigo “lidera a internacionalización dentro do sistema universitario galego” con máis de 5.500 persoas que se moveron no marco dos programas de mobilidade (profesores, alumnos e persoal de administración e servizos). Apuntou tamén o vicerreitor que cada ano saen case 600 persoas cara o exterior, unha cifra que supera ás Universidades de Santiago (400 persoas) e A Coruña (300). Estes datos sitúan á institución académica viguesa na sétima posición en España “en números relativos”, segundo matizou o vicerreitor que fixo tamén moito fincapé na “importante aposta económica deste equipo de goberno” polos programas de mobilidade e os de prácticas en empresas “que permiten que máis de 100 estudantes cada ano teñan a oportunidade de facer as súas primeiras prácticas en empresas e institucións”.