DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No acto conmemorativo do Día das Letras Galegas

O campus rememora e reinterpreta o legado de Francisco Fernández del Riego

A través dunha conferencia de Alonso Montero e dos premios ás creacións do alumnado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Música
  • Premios
  • Reitor
  • Cultura
DUVI Pontevedra 11/05/2023

Definido pola Real Academia Galega (RAG), da que foi presidente entre 1997 e 2001, como “un dos fundadores do galeguismo progresista”, Francisco Fernández del Riego desenvolveu un extenso labor intelectual, cultural e político nunha Galicia marcada pola ditadura franquista. A traxectoria no “exilio interior” do escritor homenaxeado neste 2023 no Día das Letras Galegas centrou na tarde deste mércores o acto conmemorativo promovido pola Vicerreitoría do campus, no que o tamén expresidente da RAG Xesús Alonso Montero afondou no labor político e literario do que fora un dos impulsores da editorial Galaxia e director da revista Grial. Ademais de para rememorar a súa figura, este evento serviu tamén para coñecer as creacións premiadas na terceira edición do certame Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas, no que se convidaba ao alumnado a reinterpretar a obra de escritor homenaxeado e dar forma a creacións en múltiples disciplinas que tivesen como inspiración a súa traxectoria e produción literaria.

Dúas alumnas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Macarena Gisellle Volluz e Laura Chaves, resultaron gañadoras dos dous premios, cunha dotación económica de 300 e 250 euros, outorgados nesta edición e que foron entregados no marco deste acto, que abriron as intervencións do reitor, Manuel Reigosa, e da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón. Tras unha apertura na que se puxo o foco en que contribuír á preservación e promoción da lingua e da cultura galega é unha das misións fundamentais da Universidade, a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ana Acuña foi a encargada de presentar a Alonso Montero. Catedrático de Literatura Galega, membro da RAG e do Consello da Cultura Galega, o compromiso coa defensa do idioma de Alonso Montero e do propio Fernández del Riego foi outra das cuestións postas sobre a mesa nun acto que afondou no labor desenvolvido durante a ditadura por Fernández del Riego, quen en 1992 convertirase no primeiro doutor honoris causa na historia da Universidade de Vigo. 

Xunto á conferencia e á entrega de premios, o acto completouse coa participación da Aula Permanente de Música Tradicional do Campus, que se encargou tanto de abrir como de pechar o acto ás portas da Casa da Campás, no segundo caso, acompañados polo Coro do Campus. Entre outros, este acto conmemorativo contou coa asistencia da concelleira de Promoción Económica e Universidades, Yoya Blanco; o xefe territorial de Educación da Xunta de Galicia, César Pérez; o comandante director da Escola Naval Militar, Pedro Cardona, e o subdelegado de Defensa en Pontevedra, Miguel Constantino Cortés.

A “loita” de Fernández del Riego centra as obras premiadas

A frase “a voz dos que non teñen voz”, extraída dun dos poemas de Fernández del Riego, pode lerse na peza elaborada en cerámica pola que Macarena Giselle Volluz foi recoñecida co primeiro premio no certame Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas. “Quixen representar a igualdade que o autor reivindicaba na súa poesía, a loita contra as inxustizas que realizaba a través da escritura”, sinala esta estudante do Grao en Educación Primaria dunha peza á que deu o título de Loita. “A verdade é que este concurso foi un reto para min e foi unha grata sorpresa descubrir a Francisco Fernández del Riego”, salienta Volluz Italiani, quen destaca o positivo dunha iniciativa levouna a ingadar sobre a vida e obra do homenaxeado. “Sentinme moi identificada no que reflectía nos seus versos sobre a liberdade e a igualdade”, engadiu a alumna premiada, que, por motivos laborais, non puido participar no acto deste mércores. 

Estudante tamén do Grao en Educación Primaria, Laura Chaves logrou o segundo premio por Pasaxes da vida de Francisco Fernández del Riego: Relato poético, unha montaxe na que fai uso tanto da poesía como da colaxe para reflectir “a súa loita en prol da nosa lingua e cultura”. Xunto con imaxes ou documentos, Chaves Martínez sumou a esta obra os seus propios versos, inspirados, como explica, na “loita por defender” o idioma e a cultura de Galicia, “nun tempo no que iso supuña arriscar moito”. Nese senso, esta alumna recoñece tamén a propia motivación que este galardón lle achega para continuar escribindo en galego.