DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría innova con cursos especializados en fotografía, promoción turística ou en artes plás

O campus renova a oferta de obradoiros do primeiro cuadrimestre

Aínda que pensados para as titulacións impartidas en Pontevedra, están abertos á toda a cidadanía

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 18/09/2012

Queres ampliar a túa formación? A comunidade universitaria así como a cidadanía en xeral xa poden matricularse nos obradoiros que organiza cada cuadrimestre a Vicerreitoría do campus de Pontevedra, unha oferta formativa de seis talleres que para este curso 2012-2013 se renova completamente. “Desta volta decidimos priorizar aquelas propostas innovadoras para enriquecernos con novos contidos e dar oportunidade a outras especialidades”, explica Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus pontevedrés.
Fotografía, artes plásticas, promoción turística ou arte e creatividade resumen a liña temática dos obradoiros deste cuadrimestre, que manterán a matrícula aberta ata o 28 de setembro.

Aposta pola especialización

Aínda que son uns talleres nos que se pode inscribir toda a poboación, o certo é que foron pensados para as titulacións impartidas no campus de Pontevedra, “reforzando e completando os plans de estudos das mesmas”, apunta Fernández Souto, que aclara que se trata dunha oferta máis especializada “diferenciándonos doutros anos, nos que ofrecíamos cursos máis xerais”.

Desta volta, o mundo da fotografía cobra especial relevancia con dous cursos enfocados nesta técnica. “Faise tanto fincapé nesta materia porque hai tres graos no campus, Belas Artes, Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual, relacionados directamente con ela”, aclara a directora da Área de Extensión Cultural e, aínda que teñan como nexo común a fotografía, “están orientados a temáticas distintas”, engade. Así, un dos cursos, dirixido polo profesor José Chavete, centrarase no estudo da fotografía documental e de rúa, no que José Romay dará a coñecer a historia e as ferramentas necesarias para levar a cabo este traballo co obxectivo de difundir este tipo de cultura visual e crear simbioses entre os profesionais do xornalismo, da comunicación audiovisual e das artes. O outro dos obradoiros afondará na fotografía publicitaria, no que o alumnado debera desenvolver unha proposta creativa pasando pola fases de preprodución, produción e posprodución, con especial atención aos procesos de edición, retoque e procesado.

Outro seminario novo para este cuadrimestre está pensado especialmente para o estudantado de Ciencias da Educación. Trátase do Taller sobre recursos lúdico-didácticos para educación infantil e primaria, “que vai na mesma dirección que outros planificados para esta especialidade, avalados por unha grande afluencia de alumnos interesados”. Ao longo de 20 horas, os asistentes potenciarán as súas habilidades artísticas coa elaboración de disfraces, e complementos empregando materia de refugallo, maquillaxes... ademais coñecerán materias novidosos cos que desenvolver actividades divulgativas cos máis pequenos, como limpapipas, goma eva, plastificadoras... A promoción turística de Pontevedra é outro dos cursos que ofrece a Vicerreitoría, no que o profesor Xulio Pardellas achegará información práctica e específica sobre a identificación e xestión dos recursos turísticos dunha cidade culminando co deseño dunha páxina web promocional. Cunha nova proposta repite Charlotte Moury que desta volta centra o seu curso en explotar a creatividade dende a expresión corporal. A oferta complétase co curso sobre prevención de riscos laborais, que se celebrará a partir de outubro na Escola de Enxeñaría Forestal.

Prazos e prezos

O período de matrícula para os obradoiros permanecerá aberto ata o vindeiro 28 de setembro e o prezo de cada un roldará entre os 30 e os 40 euros para o público en xeral, cun desconto do 50% para os bolseiros da Universidade e do 25% para o resto da comunidade universitaria. Para facer efectiva a matrícula, débense aboar as taxas correspondentes en calquera sucursal de Novagalicia Banco e entregar o comprobante xunto cunha ficha de inscrición cuberta na Casa das Campás, en calquera dos Rexistros da Universidadeben ou a través do correo electrónico campuspontevedra@uvigo.es. Para máis información, pódese visitar a páxina web da Vicerreitoría ou ben chamando ao teléfono 986 80 20 80.