DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 15 ao 19 de decembro no salón de graos do Edifico Politécnico

O campus renova a súa aposta pola sustentabilidade cunhas xornadas que mesturan urbanismo, vivenda e medio ambiente

O sábado 13 pecha o prazo de inscrición

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 09/12/2008

Urbanismo e vivenda son dous elementos socioeconómicos eixos da nosa sociedade que deben ter en conta o impacto ao que poden dan lugar. As I Xornadas de urbanismo, vivenda e medio ambiente nacen precisamente co obxectivo de informar a cidadanía sobre as actuacións que se están a levar a cabo nestes eidos. Desde o 15 e ata o 19 de decembro no salón de actos da Facultade de Ciencias abordaranse temas técnicos e legais do urbanismo, da vivenda e do mantemento de edificios. Tamén se falará do aforro enerxético como unha ferramenta necesaria nos fogares, das novas políticas ambientais e da integración paisaxística entre outros aspectos.
A concelleira de Participación Cidadá, María Devesa, destacou que o urbanismo e a vivenda “teñen que facer fronte aos desafíos que o desenvolvemento económico trouxo consigo, o quecemento do clima, a destrución da capa de ozono e o esgotamento dos recursos naturais”. Por iso, estas xornadas pretenden dar a coñecer, tanto aos estudantes como aos cidadáns, que “a interrelación destes tres elementos é necesaria para conseguir a sustentabilidade”, precisou Devesa.
Este curso, coordinado coas campañas de aforro enerxético e compostaxe do Concello de Ourense, está organizado pola Federación de Asociacións de Veciños de Ourense Limiar no seu afán por “informar ao cidadán, xa que non existe unha canle de comunicación entre a Administración e a sociedade civil”, explicou o seu presidente, Remigio González. Nestas xornadas “imos esquecer os tecnicismos, os relatores falarán para que entenda a xente de a pé”, rematou González.
Pola súa banda, José Antonio Pérez, presidente da Asociación SYME, Asociación Medio Ambiental e Universidade asegurou “estar encantado de poder colaborar con este iniciativa” e finalizou o acto de presentación, “agardando que as xornadas teñan o éxito doutras actividades similares”.

O medio ambiente é a clave

De novo o medio ambiente é un tema recorrente, conxugando desta vez “dous aspectos que moitas veces a xente non mete no mesmo saco como son o urbanismo e o medio ambiente”, comentou Juan Carlos Mejuto, decano da Facultade de Ciencias. “Estas xornadas representan unha iniciativa de colaboración moi interesante entre o Concello de Ourense, as asociacións de veciños e as Facultades de Dereito e Ciencias”, proseguiu o decano. “Non só o medio rural debe falar de medio ambiente senón que tamén o deben facer as cidades modernas como Ourense que teñen unha aposta clara pola sustentabilidade e a concienciación cidadá”, proseguiu o decano. Feitos como reciclar o lixo ou substituír unha lámpada tradicional por outra de baixo consumo “tradúcense na redución de emisións de CO2, de residuos e en aforro enerxético, aspectos que calquera cidadán comprometido ten o deber de afrontar”, concluíu Mejuto.

Urbanismo e medio ambiente

As xornadas comezarán o luns día 15 centrándose no medio ambiente. Ás 17.30 horas terá lugar a inauguración oficial trala que se iniciarán os relatorios sobre novas políticas ambientais e a integración paisaxística. Para rematar o día, ás 20.00 horas, impartirase un relatorio que se dará conta dos desafíos da auga no século XXI.
O martes 16 o AVE, a enerxía xeotérmica e o reto enerxético serán os temas da tarde, mentres que o mércores será a quenda do urbanismo con relatorios sobre o planeamento, o concepto de cidade en Ourense, as Xuntas de Compensación e as licenzas urbanísticas. O xoves será o día da vivenda no que se falará do sistema de adxudicación dos fogares de protección oficial e autonómica, da conservación e mantemento dos edificios e da documentación que debe aportar o promotor.
O venres 19 rematarán os relatorios coa planificación urbana e aspectos relacionados coa cualificación e clasificación do solo, as licencias municipais e a enerxía e a súa relación coa vivenda entre outros. Ao remate das conferencias, ás 20.00 horas terá lugar o acto de clausura que porá o punto e final a unha semana de información e educación para a sustentabilidade.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 12 en horario de mañá na Secretaría de Decanato da Facultade de Ciencias e ata o 13 na Federación Limiar. O curso ten solicitado un crédito de libre elección para os alumnos da Universidade de Vigo e tamén será validable para oposicións da Consellería de Educación.