DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 2 de maio ábrese a inscrición nesta serie de actividades abertas á cidadanía

O campus renova a súa oferta de cursos de extensión universitaria para os meses de verán

Por primeira vez, impartiranse talleres sobre os recursos turísticos das illas atlánticas e cociña a

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 24/04/2014

Unha aposta por temáticas moi diferentes, que poidan servir tanto para complementar a formación da comunidade universitaria como para espertar o interese de todo tipo de persoas. Ese é o eixo da renovada oferta de cursos de verán da Vicerreitoría do campus, integrada por sete novas propostas nas que se combina a formación teórica coa aprendizaxe práctica e que están “abertas a todo o mundo, xa que non se precisan coñecementos previos na materia”, como destaca a responsable da Área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do campus de Pontevedra, Ana Belén Fernández Souto.

“Aínda que algúns supoñen unha continuidade con respecto a outros cursos e obradoiros, en realidade son todos novos, porque cambia a temática con respecto dos desenvolvidos previamente”, explica Fernández Souto sobre a oferta formativa que se desenvolverán no campus entre o 28 de maio e o 1 de agosto, unha vez remate o segundo cuadrimestre. O prazo de inscrición nestes sete cursos abrirase o 2 de maio e pecharase no momento no que se cubran a totalidade das prazas ou 10 días antes do seu inicio. A responsable de Extensión Cultural do campus apunta que estes talleres contan “con prezos accesibles, aos que se suman os descontos para comunidade universitaria”. Concretamente, alumnado, profesorado e PAS disporán dunha rebaixa do 25% no prezo da matrícula, mentres que o desconto será do 50% no caso das persoas beneficiarias dunha bolsa MECD.

O valor turístico das Illas Atlánticas e o primeiro curso de cociña do campus

Entre as novas temáticas que se abordarán nos cursos deste verán, explica Fernández Souto, destacan campos “que nunca antes se abordaron”, como é o caso dos recursos turísticos do Parque Nacional das Illas Atlánticas ou a cociña afrodisíaca. Se ben é certo que nos campus de Vigo e Ourense se teñen impartido obradoiros de cociña, "en Pontevedra nunca se fixo ningunha actividade deste tipo e moito menos sobrecociña afrodisíaca”, engade. Esta actividade desenvolverase entre o 8 e o 22 de xullo no comedor de Ciencias Sociais e da Comunicación coa colaboración de diferentes chefs que ensinarán “aos participantes a elaborar os seus propios pratos para despois degustalos”. Fernández Souto tamén resalta que “na Universidade téñense feito diferentes cursos relacionados co turismo, pero ningún centrado nas illas atlánticas e no ámbito forestal”, que é precisamente no que se centra o curso Recursos turísticos nos espazos naturais protexidos, no que a formación teórica se completará con visitas a lugares como a illa de Cortegada ou o Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía. Tanto esta actividade como a anterior estarán dirixidas por alumnas de Publicidade e Relacións Públicas, dado que a convocatoria destes cursos está aberta ás propostas de toda a comunidade universitaria.

Propostas para docentes e futuros docentes

Apunta Fernández Souto que, en edicións anteriores, boa parte dos asistentes a estes cursos de verán eran “persoas vinculadas ao mundo da educación, como profesores de colexios e institutos”. Por iso, varios dos cursos volven a estar principalmente orientados a docentes e futuros docentes. Ese é o caso, do curso Ensinar ciencias con xoguetes interactivos e o encerado dixital. Unha educación para o século XXI, que dirixen os profesores María Álvarez Lires e José Francisco Serallé e que entre o 2 e o 25 de xuño analizará na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte as posibilidades didácticas de diferentes xoguetes interactivos.

No mesmo centro terá lugar entre o 28 e o 30 de maio o curso Aplicacións e ferramentas tecnolóxicas nos ámbitos da educación e da actividade física e do deporte, que dirixen os profesores Carlos Lago e Jorge Viaño e que se centra tamén nos novos recursos tecnolóxicos, neste caso os que poden empregar os profesionais do deporte e a actividade física. Así mesmo, nesta facultade desenvolverase tamén O liderado nas aulas, un curso dirixido por Uxío Pérez, no que se abordarán diferentes aspectos relacionados coa importancia da educación emocional e co rol que debe xogar o persoal educador. No mesmo centro terá lugar entre o 17 e o 20 de xuño o curso Detección, avaliación, intervención e apoio en violencia familiar e de xénero, que dirixe María José Vázquez e no que o alumnado poderá adquirir coñecementos sobre como identificar a violencia de xénero en diferentes contextos, así como estratexias de intervención e apoio ás vítimas.

Por último, a relación de actividades formativas impulsadas pola Vicerreitoría para o verán complétase con Introdución á psicoloxía perinatal e os seus ámbitos de actuación, o único curso que non se levará a cabo no campus, senón que terá lugar entre o 17 e o 24 de xullo no Auditorio Municipal de Catoira, onde baixo a dirección do profesor Manuel Isorna “e cunha importante colaboración do Concello, veñen desenvolvéndose desde hai anos cursos de temáticas moi diferentes, sempre relacionadas coa psicoloxía”, apunta Fernández Souto.